Maduro toma posesión do seu cargo para construír "unha patria feliz, independente e socialista"

Nicolás Maduro (1962) xa é presidente da República Bolivariana de Venezuela. Xurou o seu cargo perante o presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello. O sucesor de Chávez comprometeuse a construír "unha patria feliz, independente e socialista para todos e para todas".

A toma de posesión de Maduro foi interrumpida durante uns segundos: unha persoa rachou o cinto de seguranza e puido acceder á tribuna desde a que se producía a alocución de Maduro. Foi rapidamente reducido.

O acto simbolizou dalgún xeito o compromiso entre as dúas correntes principais do movemento bolivariano, as que personifican Maduro -indixitado sucesor por Chávez- e Diosdado Cabello, referente das forzas armadas cuxo rol ao se manter fiel á Revolución foi esencial estes días para facer fronte ás tentativas golpistas dunha oposición monotorizada en todo momento polos EUA.

Maduro toma posesión do seu cargo sen que os Estados Unidos teñan recoñecido formalmente a súa vitoria.

Si estiveron presentes na toma de posesión de Maduro líderes de Estados aliados de Venezuela, entre eles a presidenta de Brasil, Dilma Rousseff, e o presidente iraniano, Mahmoud Ahmadineyad.

Maduro anunciou que "non vai haber impunidade. Van pagar os crimes os que os cometeron, os que os incitaron"

No seu discurso, Maduro acusou a oposición de recorrer a violencia para tentar subvertir a vontade expresada polo pobo venezolano nas eleccións do pasado domingo.

"Eles non van a recoñecer [o seu nomeamento]", dixo Maduro en relación á oposición, antes de render un tributo aos militantes chavistas asasinados estes días por bandas "fascistas".

O novo líder bolivariano anunciou que "non vai haber impunidade" e que "van pagar os crimes os que os cometeron, os que os incitaron".

Os comicios do 14 de Abril foron "as eleccións máis difíceis das 18 que gañamos os bolivarianos", afirmou Maduro, "as máis difíceis porque eu non son Chávez. Só xuntos todos e todas somos Chávez".

Comentarios