Maduro tilda a Rajoy de ''corrupto'' e acúsao de ser ''o padriño político'' da dereita en Venezuela

O mandatario bolivariano condenou máis unha vez o acontecido co avión do presidente Evo Morales cando regresaba de Moscú, a onde viaxou para facer parte dunha cimeira sobre países exportadores de gas. Maduro sinalou a dereita española como "brazo financeiro" da oposición venezolana


"Rajoy é un corrupto, o padriño político da oposición en Venezuela". Así de taxativo de mostrou o presidente bolivariano Nicolás Maduro nunhas declaracións en que facía referencia ao acontecido co avión do seu homólogo boliviano, Evo Morales. 

Varios estados europeos obrigaron a Morales a ficar no aire durante máis de tres horas ao non lles permitir o uso dos seus espazos aéreos. O Estado español foi máis aló aínda e cando finalmente a aeronave aterrou, en Viena, pretendeu efectuar un rexistro para comprobar que canda Morales non viaxaba Edward Snowden, reclamado polos EUA por divulgar información clasificada.

"A política que goberna España é moi corrupta e o señor Rajoy é moi corrupto", enfatizou Maduro, acusando o mandatario español de ser "o brazo financeiro" da dereita venezolana.

Malia as desculpas que o Estado español pediu a Evo Morales, cando xa pasaran quince días do incidente, a actitude, a mesma que adoptaron Franza, Italia ou Portugal, foi cualificada xa desde La Paz como "o primeiro secuestro do imperialismo", subliñando que Europa se dobregou perante os intereses dos EUA.  

Comentarios