Maduro dá por derrotada “a escaramuza golpista”

O presidente de Venezuela Nicolás Maduro dá por derrotada “a escaramuza golpista que pretendeu encher de violencia” o país. Así o comunicou a través das redes sociais e nunha intervención televisada. Mentres, Leopoldo López escapou á embaixada española e 25 militares que apoiaron o movemento, á do Brasil de Bolsonaro.
 

maduro dá por liquidado o golpe
photo_camera O presidente Maduro reúnese esta terza feira con mandos militares. Foto: Goberno de Venezuela.

“Felicito aos profesionais da nosa Forza Armada Nacional Bolivariana pola súa actitude firme, leal, valente e de enorme sabedoría”, sinalou o mandatario, “o pobo recoñéceos por ese esforzo digno e subordinado á Constitución”.

A pasada madrugada, un pequeno grupo de militares liberaron o opositor Leopoldo López do seu arresto domiciliario. Estaba condenado por incitación á violencia. O autoproclamado presidente Juan Guaidó saiu no seu apoio e chamou a un levantamento militar. Co paso das horas, a operación entrou en vía morta. Os disturbios causados polos golpistas non impediron grandes manifestacións de apoio ao Executivo lexítimo de Maduro.

Este tamén agradeceu ao pobo venezolano “a súa valentía, coraxe e conciencia fronte a este intento de golpe de Estado frustrado” e engadiu que Venezuela é “territorio de paz e independencia”. E enviou un saúdo a “líderes, lideresas, gobernos, movementos sociais e intelectuais do mundo polos seus pronunciamentos, mostras de solidariedade e apoio á Constitución”. Entre os gobernos sudamericanos que rexeitaron o golpe estiveron o de Bolivia e o de Cuba.

Comentarios