Maduro consegue un novo mandato de 6 anos nunhas eleccións boicotadas pola oposición

Aos seus 55 anos, Nicolás Maduro -líder do Gran Polo Patriótico, conglomerado chavista liderado polo Partido Socialista Unido de Venezuela- obtivo este 20M a súa reelección como presidente ao se impor con clareza nunhas eleccións presidenciais boicotadas pola dereita extremista e pro-norteamericana. A participación foi moi baixa, apenas o 46 por cento do eleitorado. Maduro conseguiu 67,7 por cento dos sufraxios, face o 21,1 de Henri Falcón (Avanzada Progresista).

@nicolasmaduro
photo_camera Maduro disponse a exercer o seu dereito ao voto [Foto: @nicolasmaduro]

Nicolás Maduro pedía para a súa candidatura unha votación récord de 10 millóns de votos -cifra nunca alcanzada polo lider histórico da revolución bolivariana, Hugo Chávez Frías- mais tivo de se conformar con pouco máis da metade, 5.823.728 sufraxios, isto é, 67,7 por cento dos emitidos este 20M. En 2013 Maduro conseguira 7,5 millóns de votos.

O segundo candidato máis votado foi Henri Falcón, un dirixente político que se mantivo nas filas do chavismo até 2011 e que finalmente conseguiu 1.820.552 sufraxios, 21,1 por cento. A terceira praza foi para o pastor evanxélico Javier Bertucci, de Esperanza polo Cambio, con 925.042 votos, en tanto que Reinaldo Quijada, de Unidad Política Popular 89 (UPP89), acadou 34.614 apoios.

O dado máis relevante é o da participación, cifrada polo Consello Nacional Eleitoral no 46,01 por cento, cunha proxección final -á conclusión do escrutinio definitivo- do 48 por cento. É unha cifra claramente por debaixo da alcanzada nas eleccións precedentes, as realizadas en 2013, cando acudiu ás urnas 79,69 por cento das persoas con dereito a voto. Isto significa que o chamado á abstención realizado pola ultra-direita pro-norteamericana tivo un indubidábel impacto.

Como cabía agardar, a oposición denunciou fraude eleitoral e Henri Falcón pediu a realización de novas eleccións. Os resultados non serán recoñecidos nen polos EUA nen pola Unión Europea. Maduro cualificou a súa vitoria de "heroica, fermosa e popular, fraguada na loita" e chamou as forzas opositoras a un diálogo nacional.

Comentarios