Maduro chama ao pobo "revolucionario" a prepararse ante a ameaza dunha "intervención estranxeira" contra Venezuela

Cimeira de urxencia do directorio político-militar do movemento bolivariano no poder en Venezuela. Nicolás Maduro, vicepresidente, alertou o país de que a dereita venezolana conspira para provocar o caos e criar o caldo de cultivo que xustificase unha intervención estranxeira. Chamou a unha mobilización total das clases populares contra "os sectores anti-patria" que, dixo, intrigan para derrocar a Revolución. Maduro dixo ter dados de que a enfermidade de Chávez foi provocada polos "inimigos" de Venezuela. Vídeo no interior. 

Maduro compareceu en televisión após a cimeira de urxencia do directorio político-militar do movemento bolivariana e deu toda a impresión de que o fixo para preparar o pobo venezolano ante un hipotético desenlace fatal da enfermidade de Hugo Chávez.

A posta en escena foi dun enorme dramatismo. Nicolás Maduro non dubidou en atribuír a xénese da enfermidade de Hugo Chávez aos "inimigos" de Venezuela. Dixo que tiña dados de que a doenza fora provocada. Avanzou que se constituiría unha comisión para investigar a orixe do cancro que sofre o líder da Revolución bolivariana.

O goberno venezolano admite que a "a situación de saúde" do líder bolivariano é moi grave. "Estas son as horas máis difíceis que vivemos desde a operación do 11 de Decembro", enfatizou Maduro. Chávez padecería unha severa infección respiratoria e non é nada seguro que vaia responder os tratamentos médicos que se lle están prescribindo.

"A nosa revolución está preparada, señores do Imperio e señores dos sectores antipatria, está máis forte que nunca", enfatizou Maduro. 

Maduro salientou que o Goberno está a tomar medidas para garantir o correcto funcionamento dos hospitais e dos "refuxios". O vicepresidente, indixitado por Chávez para asumir a candidatura á presidencia da República se o líder bolivariano desaparecer, foi moi crú na exposición e nela barallou abertamente a hipótese da invasión do país por parte dos Estados Unidos coa aberta cumplicidade da dereita venezolana.

Chamou a "fechar fileiras" e a realizar "asembleas revolucionarias" en todos "os centros de traballo". "A clase obreira non pode vacilar. Non se trata só de dar roldas de imprensa [dixo en alusión aos dirixentes]. É a clase obreira na rúa. Como ten que mobilizarse a mocidade, a mocidade universitaria, a mocidade nos liceos".

Comentarios