Maduro carga contra Trump tras ser acusado de "narcoterrorismo"

O Departamento de Xustiza dos EUA anunciou na quinta feira, 27 de marzo, a imputación do presidente de Venezuela e ofreceu unha recompensa de 15 millóns de dólares.

maduro
photo_camera O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, o pasado 12 de marzo en Caracas (Marcelo Garcia / Prensa Miraflores)

O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, asegurou que os cargos penais presentados polos Estados Unidos por narcotráfico contra el e altos cargos do seu Goberno son unha "tolemia, vulgares e miserábeis", e advertiu as autoridades de Washington de que están "dispostos a combatelos en todos os terreos".

O Departamento de Xustiza dos Estados Unidos anunciou na quinta feira, 27 de marzo, a imputación de Maduro, así como doutros membros do seu Goberno, por "narcoterrorismo" e ofreceu unha recompensa de 15 millóns de dólares a quen poida ofrecer información que permita a súa detención.

De acordo coa Xustiza estadounidense, este "cártel de funcionarios chavistas", xunto coa disolta guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) e as súas disidencias, conseguía cocaína en Colombia e distribuíaa desde Venezuela co fin de "inundar" os EUA de droga.

Maduro defendeu o labor dos membros do seu Goberno sinalados por Estados Unidos e mostrou o seu malestar polas "vulgaridades" que lanzou o fiscal xeral estadounidense, William Barr. Acusou o presidente Donald Trump de "cowboy racista e supremacista", e "extorsionador das mafias neoiorquinas que el dirixiu como xefe de empresas inmobiliarias".

Onde se conformou un "narcoestado" ─dixo─ foi en Colombia, "os socios de Donald Trump", e ao respecto dos vínculos coas xa extintas FARC, Maduro recordou o papel que o Goberno de Venezuela desempeñou durante as negociacións de paz.

Cuba di que é "inmoral"

Ao respecto, o ministro de Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez, cualificou a imputación de "inmoral" e baseada en "desvergonzadas mentiras". Fíxoo na súa conta do Twitter, onde afirmou que "aínda en tempos de COVID-19, o Goberno dos Estados Unidos demostra que constitúe a principal ameaza á paz e a tranquilidade da nosa América".

Comentarios