Maduro acusa Trump de tentar provocar fame en Venezuela coa conxelación dos seus activos

Donald Trump asinou esta segunda feira unha orde executiva para conxelar todos os activos venezuelanos en solo norteamericano. A reacción de Nicolás Maduro foi acusar o presidente norteamericano de intentar provocar a fame masiva no seu país con técnicas de terrorismo económico. O líder chavista estima en máis de 20.000 millóns de dólares o monto dos valores venezuelanos bloqueados nos EUA e en Europa.
Maduro
photo_camera Maduro, durante a entrevista

Deposta Dilma Rousseff e con Lula na cadea, Venezuela é o principal albo da política latinoamericana da Administración Bush. Após falir en primeira instancia o golpe patrocinado por Washington que pretendía entronizar como novo presidente en Caracas o opositor Juan Guaidó —operación non consumada que contou co apoio do Goberno Sánchez—, Trump aprofunda agora a guerra económica contra o país que posúe as maiores reservas petrolíferas do planeta.

Destarte, esta segunda feira o presidente norteamericano asinou unha orde executiva en virtude da cal conxélanse todos os activos venezuelanos sediados en territorio norteamericano. Eses fondos "están bloqueados e non poden ser transferidos, pagos, exportados, retirados ou tratados de ningunha outra maneira", segundo a norma ditada pola Administración Trump.

O principal activo venezuelano nos EUA é a petroleira Citgo, filial da empresa estatal Petróleos de Venezuela (PDVSA), atinxida xa en xaneiro por sancións impostas polo executivo federal norteamericano. PDVSA é a diana favorita dos ataques de Trump, consciente de que un eventual colapso nas finanzas dese monstro empresarial podería arrastrar na súa caída o goberno de Maduro.

O principal activo venezuelano nos EUA é a petroleira Citgo, filial da empresa estatal Petróleos de Venezuela (PDVSA), atinxida xa en xaneiro por sancións impostas polo executivo federal norteamericano

Nunha entrevista televisiva, o líder chavista cifrou en máis de 20.000 millóns de dólares o volume de fondos conxelados polos EUA e por estados da Unión Europea. E foi alén diso, ao acusar Washington e Londres de perpetrar o "roubo" de 1.400 millóns de dólares en reservas de ouro do Banco Central Venezuelano. "O goberno dos EUA persegue Venezuela para que non poda mercar medicamentos en todo o mundo. Perséguenos para non podermos comprar alimentos, subministracións, produtos básicos, para non podermos comprar nada en todo o mundo", dixo Maduro.

O obxectivo último da guerra económica lanzada polos EUA contra Venezuela sería provocar unha fame masiva no país. Trump fracasará no intento, prognosticou Maduro, quen mostrou a súa confianza nas potencialidades do progarma de distribución de alimentos CLAP (Comité Local de Abastecimento e Produción).

Comentarios