Madrid ve "tumultuarias" as manifestacións e a Fiscalía apresenta denuncias por sedición

O portavoz do Goberno español, Íñigo Méndez de Vigo, cualificou esta sexta feira de "tumultuarias" as manifestacións habidas estes días en Catalunya en protesta pola operación policial lanzada contra diversos departamentos do Govern. O termo non é gratuíto e remite directamente para o artigo 544 do Código Penal, o que tipifica a sedición. O civismo marcou o desenvolvimento das mobilizacións.

mobi
photo_camera Unha das concentracións destes días.

Continúa a escalada represiva. O Goberno español xa fala directamente de sedición. Esta sexta feira, a Fiscalía apresentou unha denuncia pola presunta comisión deste delito contra unha vintena de persoas que terían obstaculizado, na madrugada da cuarta feira 20 de setembro, a saída de efectivos da Garda Civil da sede da Consellaría de Economía. O Ministerio Público apunta como hipotéticos inductores dos presuntos tumultos os líderes das entidades soberanistas Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, presidentes da Assemblea Nacional Catalana e da Òmnium Cultural, respectivamente.

O delito de sedición é aquel en que se incorre cando as persoas se alzan "publica e tumultuariamente" para impedir pola forza a aplicación da lei ou o desenvolvimento das funcións que lle son propias ás autoridades ou aos funcionarios públicos.

O emprego do adxectivo "tumultuarias" por parte do portavoz do goberno español, Méndez de Vigo, para se referir ás manifestacións aponta a que o Estado ten en mente a imputación por este delito non só aos particulares que tomaron parte nas concentracións, senón tamén aos responsábeis políticos.

Xa a Garda Civil dixo ter visto indicios de sedición no comportamento dos altos cargos detidos na macro-operación desenvolvida a cuarta feira pola súa participación nos preparativos do referendo de autodeterminación.

Até aquel momento os cargos que se imputaban ás e aos políticos independentistas eran os de prevaricación, desobediencia e malversación de fondos públicos. A sedición é máis grave pois pode envolver penas de prisión, para aquelas persoas "constituídas en autoridade" (segundo reza o artigo 544 do Código Penal), de entre 10 e 15 anos.

Comentarios