Madrid rexistra 41% dos casos de Covid-19 notificados nas últimas 24 horas no Estado

Os novos casos soben a 3.715 no Estado español e dóbranse as mortes até 131
Un sanitario protexido realiza a unha muller un test PCR en Carabanchel, Madrid (Imaxe: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Un sanitario protexido realiza a unha muller un test PCR en Carabanchel, Madrid (Imaxe: Ricardo Rubio / Europa Press)

Até 3.715 novos casos de Covid-19 foron diagnosticados na terza feira, 18 de agosto, no Estado español, segundo comunicou esta cuarta feira o Ministerio de Sanidade. Isto supón ao redor de 1.600 positivos máis que os notificados no informe de Sanidade do día anterior (2.128), co que as persoas diagnosticadas do virus son xa 370.867 no Estado desde que iniciou a pandemia. 

Deses 3.715 novos diagnósticos das últimas horas, 41% rexistráronse na Comunidade de Madrid, en concreto 1.535 pacientes. Séguena en número de novas persoas afectadas Euskadi, con 472 positivos máis; Aragón, con 466 novos casos; Catalunya, con 244 máis e a Galiza, onde se rexistraron 101 novos positivos.

Ademais, até 131 persoas faleceron con proba da Covid-19 positiva confirmada na última semana, fronte ás 63 rexistrados por Sanidade no informe do día anterior. Desta maneira, o total de falecementos contabilizados polo Ministerio por coronavirus no Estado é de 28.797 persoas. 

Despois de que o Goberno do lehendakari vasco Iñigo Urkullu anunciara na terza medidas restritivas para o transporte e a hostalaría, logo de no día anterior ter declarado o estado de emerxencia; o Goberno de Castela-A Mancha anunciou que esta sexta feira traerá a aprobación dun "duro" paquete de medidas e que procede a confinar a localidade de Villamealea (Albacete), con 99 positivos. Pola súa banda, o Executivo de Castela e León xa puxo enriba da mesa a posibilidade de declarar "un estado de alarma rexional" de os datos iren a peor. 

Folga do ensino en Madrid

O sindicato Comisións Obreiras (CCOO), a Unión Xeral de Traballadores (UXT), a Confederación Xeral do Traballo (CXT) e mais o Sindicato de Traballadores da Ensinanza de Madrid (STEM) convocaron para o vindeiro mes de setembro unha folga do profesorado na Comunidade de Madrid ante a "inacción" do Goberno rexional da popular Isabel Díaz Ayuso fronte ao comezo do curso escolar 2020-2021 para o que "non previron nin as medidas adecuadas nin o imprescindíbel incremento de recursos", segundo denuncian os sindicatos.

Nun comunicado conxunto, as entidades convocantes da greve informaron de que os paros en Madrid serán o 4 de setembro nas escolas infantís, o 8 en Educación Infantil e Primaria; o 9 en Institutos de Educación Secundaria e Formación Profesional; e o 10 de forma conxunta en todos os niveis e ensinos do ensino público.

Non obstante, as centrais sindicais CCOO, UXT e ANPE aseguraron que non prevén unha convocatoria de folga a nivel estatal para setembro. 

Comentarios