Madrid, sobre o referendo pola independencia: "Non hai nada que discutir nen negociar"

O Goberno español non aclara se activará o artigo 155 da Constitución para evitar a consulta soberanista mais asegura que non abrirá un proceso de diálogo a respecto do referendo porque, din, "é un asunto que compete ao conxunto do pobo español". 

Soraya Sáenz de Santamaría
photo_camera Soraya Sáenz de Santamaría

A vice-presidenta do Goberno español, Soraya Sáez de Santamaría, declinou esta sexta feira avanzar cal será o vieiro de actuación do executivo en relación coa convocatoria do referendo de autodeterminación catalán fixado para o vindeiro mes de novembro de 2014. 

Sáez de Santamaría asegurou que o Goberno de Mariano Rajoy "non traballa" sobre "hipóteses". Desta maneira rexeitou explicar se o Estado adoptará medidas legais contra a consulta --por exemplo a través da presentación dun recurso de inconstitucionalidade perante o TC-- ou se mesmo activará as vías políticas recollidas na Constitución de 1978 e que autorizarían (artigo 155) ao Goberno a "adoptar as medidas necesarias para obrigar" a un territorio "ao cumprimento forzoso" das "obrigas" que "a Constitución ou outras leis lle impoñan". 

Soberanía "do pobo español"

Ao que si se referiu a vice-presidenta española foi, precisamente, a esas "obrigas" ás que estaría suxeito o president da Generalitat, Artur Mas. Del, Sáez de Santamaría dixo que debe "respeitar a lei" polo que lle pediu en nome do executivo "que reflexione" sobre o acordo alcanzado polo Govern con ERC, CUP e IVC. 

Un acordo, dixo, que é "inconstitucional" pois aborda unha cuestión, sinalou, "que compete ao conxunto do pobo español" como é "decidir" sobre o "modelo territorial de España". Neste senso, a voceira do Goberno español foi moi taxativa, Soraya Sáez de Santamaría asegurou que face a convocatoria da consulta popular Madrid non "negociará" nen "transixirá". 

"Fractura" e "división" social

Aliás, bateu contra as forzas políticas impulsoras da convocatoria, mais tamén contra o movemento popular que arredor da Asemblea Nacional Catalá e outras organizacións pulan desde hai dous anos pola convocatoria do referendo. A vice-presidenta do executivo asegurou que "o proceso" de ruptura posto a andar en Catalunya "fractura a sociedade" e "alenta a división" entre a cidadanía, polo que o seu Goberno non contribuirá através de ningún diálogo ao seu desenvolvemento. 

Comentarios