Madrid, baixo feche

O Consello de Ministras e Ministros aprobou na mañá desta sexta feira, 9 de outubro, o estado de alarma na Comunidade de Madrid para restabelecer en dez municipios, incluída a capital, o fechamento e as restricións de mobilidade que entraran en vigor hai unha semana e que caeran ao non seren validadas antonte polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) ás portas da ponte de outubro. 

Madrid sufriu fortes atascos nas súas saídas e Interior despregou 7.000 axentes para garantir o fechamento de Madrid.
photo_camera Madrid sufriu fortes atascos nas súas saídas e Interior despregou 7.000 axentes para garantir o fechamento da capital (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)

No mediodía desta sexta feira, 9 de outubro, rexistráronse nas saídas da capital fortes atascos por mor dos desprazamentos a segundas residencias e dos controis que, pasadas as 12.30 horas, se repuxeron para volver garantir o fechamento. 

"Na Comunidade de Madrid non só hai surtos, hai transmisión comunitaria", aseverou en rolda de prensa o ministro de Sanidade, Salvador Illa, visibelmente enfadado e reprochando á presidenta popular da rexión madrileña, Isabel Díaz Ayuso, que non "fixese nada ante a pandemia". Ayuso "decidiu non facer nada e a paciencia ten un límite", espetou Illa. "Podemos cruzar os brazos ou podemos frear o virus, protexer a saúde é e seguirá a ser a prioridade para o Goberno", apostilou. 

Logo de as forzas soberanistas da Galiza, Euskadi e Catalunya demandar ao Executivo estatal desde o inicio da pandemia o fechamento de Madrid, a Moncloa tomou máis a serio a necesidade de evitar, por segunda vez, que o virus centrifugue desde a capital ao conxunto do Estado. 

Así, o Consello de Ministras e Ministros, convocado de urxencia esta sexta ás 12 horas, decretou o estado de alarma para Madrid, cunha duración de 15 días. As posíbeis prórrogas precisarán de aval no Congreso.

O día anterior pola noite, na quinta feira, horas despois de que o TSXM tumbase o fechamento de Madrid, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, conversou con Ayuso para pedirlle que mantivese o confinamento da capital e de nove cidades máis por medio dunha nove orde autonómica, fundamentándoa desta vez nunha lei orgánica. A segunda opción que Sánchez lle formulou consistía en que a Comunidade solicitase ao Executivo español a declaración do estado de alarma e que, por tanto, fose un acordo de ambas as Administracións. Ao final impúxose a terceira opción: o Goberno español aprobou a alarma sen contar co apoio do Executivo rexional.

Na conversa así como nas súas redes sociais, Ayuso pediu tempo a Sánchez e, de feito, o Consello Ministerial atrasouse da primeira hora da mañá ás 12 horas. 

Agora, desde o Executivo madrileño acusan o estatal de imposición, de non darlles máis tempo para negociar unha nova orde sanitaria coa que Ayuso quería procurar un confinamento por zonas e non de urbes completas.  

Contra o estado de alarma

O líder do PP, Pablo Casado, acusou Sánchez de "impor" unhas medidas para fechar Madrid anuladas xa pola xustiza, buscando "presionar o Goberno rexional" para que "prevaricase" ao aplicar unha nova orde no mesmo sentido que a tombada polo TSXM. Fronte a iso defendeu que Díaz Ayuso e o seu equipo actuaron con "lealdade" e demostrou que as súas medidas funcionan dado que o impacto no sistema sanitario "caeu 40%".

Ao borde do colapso

Alén do optimismo de Casado, o certo é que "a atención sanitaria na Comunidade de Madrid corre un serio risco de colpsar", tal e como advertiu o ministro Illa, após sinalar que xa se infectaron 258.767 persoas, das cales 70% se contaxiaron desde o pasado 1 de xullo. Faleceron  9.637 persoas e actualmente hai 3.361 pacientes ingresados pola Covid-19 e 498 "loitando pola súa vida" en Unidades de Coidados Intensivos (UCI). 

Neste sentido, o ministro comentou que en cidades como París puxéronse en marcha medidas de restrición de mobilidade con datos moito menores que os de Madrid. 

Por que a xustiza tombou as medidas?

Os tribunais superiores da Galiza ou Castela aprobaron fechamentos de zonas semellantes ao ordenado a pasada semana polo Ministerio nos dez concellos de Madrid. A cuestión é que no caso madrileño, a Comunidade non invocou a lei orgánica de saúde pública ao aplicar as medidas de restrición de mobilidade presentes na orde ministerial, provocando con iso que o TSXM 'tombase' a norma. Desta maneira Illa retrucou ao PP que non é preciso mudar a lei sanitaria fronte a pandemia. 

Comentarios