Madrid imponse ao PP vasco e pecha sen el o pacto con Cs

O líder popular en Euskadi, Alfonso Alonso, oponse aos termos do pacto. 
Cs e PP asinaron o acordo de coalición para Euskadi (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Cs e PP asinaron o acordo de coalición para Euskadi (Imaxe: Europa Press)

O líder do PP, Pablo Casado, decantouse onte, 21 de febreiro, por impor o criterio de Xénova sobre a organización do PP en Euskadi e ordenou asinar o acordo con Ciudadanos para concorreren en coalición ás eleccións ao Parlamento vasco do vindeiro 5 de abril.

Onte á tarde o PP asinaba con Cs un pacto que os populares vascos cualificaran de "inasumíbel". A coalición chámase PP+Cs e o documento firmado sinala que o candidato será o que elixa Xénova, mais en ningún momento fai referencia ao candidato a lehendakari que o PP xa designara:  Alfonso Alonso. 

Alfonso Alonso é contrario totalmente ao acordo

A través de Twitter, o PP vasco xa se manifestara antonte, 20 de febreiro, en contra dun acordo que dá os números dous da lista de Araba e de Bizkaia a Cs. O chío lembraba que a concesión destas posicións nas candidaturas "non garda relación coa realidade de cada partido", xa que Cs non obtivo representantes nos pasados comicios de 2016 en Euskadi nin nas eleccións xerais do 20 de novembro de 2019.

Tampouco ten representantes en ningún concello. O PP de Euskadi ten, na actualidade, nove escanos na Cámara vasca, once representantes nas Xuntas Xerais, 55 edís e unha deputada no Congreso.

Alfonso Alonso é contrario totalmente ao acordo e, de feito, decidiu non acudir onte á reunión en Xénova para a sinatura da coalición. Segundo transcendeu, a vicesecretaria de organización do PP, Ana Beltrán, enviou unha mensaxe na madrugada da quinta feira a Alonso para convocalo ás 11 horas de onte en Madrid para a reunión sobre o acordo. Alonso respondeu que non podía desprazarse até a capital española e transmitiu que non coñecía o acordo que se ía asinar, que el non o negociara e que o coñecemento sobre o mesmo tíñao grazas ás intervencións de Cs na prensa. Alonso está enfrontado á portavoz do PP no Congreso, Cayetana Álvarez de Toledo, peso forte en Xénova. 

A dereita española en caída

Co adianto dos comicios vascos, precipitáronse os movementos no PP para salvar a caída que prognostican os barómetros. O declive en que se atopa a dereita española en Euskadi deixa escasa marxe de manobra para Cs, Vox e PP.

Ningunha destas forzas tivo representación por Euskadi nas xerais do 28 de abril de 2019, e o PP tivo que empadroar o popular vasco Javier Maroto por Castela e León para podelo situar no Senado. Na repetición electoral do 10-N o PP arrebatou ao PNV un escano no último minuto. 
 

Comentarios