Madrid denega asilo político a un sahariano condenado a cadea perpetua por Rabat

O goberno español denegoulle a petición e outórgalle 15 días para abandonar o Estado. Hassanna Aalia foi torturado por Marrocos.

Hassanna Aalia
photo_camera Hassanna Aalia

Hassanna Aalia recibiu esta segunda feira (19 de xaneiro) a notificación mediante a cal o goberno español lle denega asilo político. Este rapaz de 25 anos foi condenado "en rebeldía" por Marrocos a cadea perpetua após participar na manifestación do campamento Gdeim Izik. No proceso foron xulgadas 24 persoas máis ás que se lle impuxeron penas entre 20 e 30 anos de prisión. Desde 2011 Aalia mora en Euskal Herria a onde viaxou cunha bolsa de estudos. 

Este activista polos dereitos humanos percorre desde hai catro anos o territorio do estado para dar a coñecer a realidade que vive o pobo sahariano desde a ocupación marroquí. 

O Campamento da dignidade

"Todo comezou o día 10 de outubro do 2010. Por iniciativa dos e das saharauís, instalouse a escasos 15 km da cidade de El Aiún. Estiven xunto con outros moitos saharauís no campamento de Gdeim Izik, o Campamento da Dignidade, para participar nunha acción reivindicativa pacífica, na que esixiamos os dereitos sociais e políticos que Marrocos nos arrebatou pola forza", explica nunha entrevista concedida á organización xuvenil Galiza Nova e que foi publicada no seu portal web. 

Aalia foi condenado por Marrocos a cadea perpetua por facer parte do campamento Gdeim Izik en 2011, durante a súa detención foi torturado

"Máis de 20.000 jaimas instaladas, nun espazo que se organizou de fábula, con comités de saúde, limpeza, seguridade, asembleas, discursos…", acrecenta. "Mais aquela ilusión apenas durou un mes. Catro semanas nas que os e as saharauís reclamamos os nosos dereitos empregando unha acción pacífica que non lle facía dano a ninguén", continúa, "o día 8 de novembro de 2010, ás 5.30 da mañá, os saharauís espertábamos atemorizados por unha acción policial e militar violenta e por sorpresa". 

Aquela foi condeado a 4 meses de cadea non foi executada mais Hassanna Aalia xa fora detido e torturado en anteriores ocasións. Durante a súa estadía fóra do Sáhara foi xulgado de novo e condeado a cadea perpetua. Após catro anos de ter presentado a súa solicitude de asilo político esta foille denegada e o Estado español exíxelle a súa saída do territorio nun prazo de 15 días. 

Numerosos colectivos de dereitos humanos, organizacións sociais e políticas piden a reconsideración da petición por parte das autoridades españolas e advirten das consecuencias que terá para Hassanna Aalia o seu regreso. 

Comentarios