Madrid, centro dos contaxios do coronavirus, non se fecha

Entre 24 bandeiras de España e Madrid escenificaron a unidade contra o virus o presidente estatal, Pedro Sánchez, e a madrileña, Díaz Ayuso. Porén, as medidas anunciadas pola Comunidade non contemplan o feche da capital, "sería a morte de Madrid", dixo Ayuso. Sánchez, mentres, repousa no Executivo madrileño a xestión da crise. 
Pedro Sánchez e Isabel Díaz Ayuso na rolda de prensa posterior á xuntanza que mantiveron en Madrid (Imaxe: J. Hellín Pool / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez e Isabel Díaz Ayuso na rolda de prensa posterior á xuntanza que mantiveron en Madrid (Imaxe: J. Hellín Pool / Europa Press)

O descontrol da situación epidemiolóxica na Comunidade de Madrid e a incapacidade do Goberno de Isabel Díaz Ayuso para actuar (retardando constantemente a toma de medidas) sitúa outra vez Galiza e a periferia do Estado á intemperie ante o non fechamento da capital.

A pesar dos confinamentos ordenados na nova normalidade en zonas  do país, como A Mariña, ou en comarcas de Catalunya ou de Castela, o Goberno español continúa sen optar polo fechamento da capital do Estado, da mesma maneira que se negou a blindala no inicio da pandemia, mesmo a pesar da presión de expertas e expertos epidemiólogos e de forzas políticas que reclamaban esa medida para evitar que o virus se espallase polo Estado. 

Fronte á dureza coa que a pandemia está atacando Madrid, e cunha taxa de incidencia acumulada nas últimas dúas semanas de case 700 casos por cada 100.000 habitantes (a maior de Europa), esta segunda feira, 21 de setembro, entraron en vigor medidas de confinamento parcial e feche de entrada e saída da poboación durante os vindeiros 15 días en 37 zonas da capital, a maioría situadas nos barrios obreiros.

Desta maneira, unha acción demandada como a blindaxe da mobilidade trata de satisfacerse aplicándose só sobre as clases traballadoras que, iso si, poden e deben continuar desprazándose aos seus postos laborais en ateigados vagóns de metro.

O "muro sur", así denominan desde a esquerda castelá a arbitrariedade das medidas, entre as que non hai reforzamento da sanidade pública nin da Atención Primaria nin máis frecuencias de metro para garantir a distancia física. A líder de Más Madrid, Mónica García, acusou o Goberno español de "branquear" a carga de Ayuso sobre os barrios populares e de apoiar os seus plans de restricións "sen solidez epidemiolóxica". 

E é que nesta segunda feira, 21 de setembro, tivo lugar a reunión entre Pedro Sánchez e Díaz Ayuso. Nela acordaron crear un grupo de traballo formado por membros do Executivo autonómico e estatal para facer seguimento da situación e deseñar novas medidas.

Sánchez incidiu en que o seu propósito é apoiar Madrid e non tutelar, e Ayuso, pola súa banda, xa adiantou a súa negativa a chegar ao estado de alarma na Comunidade nin a fechar todo Madrid. 

Catalunya recomenda non viaxar a Madrid e reclama máis controis

O Govern de Catalunya recomenda á poboación non viaxar á Comunidade de Madrid ante o forte incremento do número de contaxios de coronavirus. O president catalán, Quim Torra, pediu volver instalar os controis de temperatura nas estacións de tren e nos aeroportos para viaxeiras e viaxeiros procedentes da capital do Estado.

Ademais, Torra púxose ao dispor da presidenta madrileña para axudar contra o virus e reclamoulle o estabelecemento de "medidas máis estritas".

Entre elas, sinalou a necesidade de "que non se permita a ninguén saír nin viaxar a Madrid se non se ten a certeza de que é negativo" no test. En canto a Catalunya recoñeceu que a situación "non vai ben" e anunciou que o Govern está traballando en novas restricións. 

Comentarios