Maddalen Iriarte disputará a lehendakaritza a Iñigo Urkullu

A dirixente da esquerda abertzale Maddalen Iriarte foi proposta por unanimidade da mesa política de Bildu como candidata á lehendakaritza.
Maddalen Iriarte e Arnaldo Otegi (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Maddalen Iriarte e Arnaldo Otegi (Imaxe: Europa Press)

Logo de que o PNV designase o pasado 13 de xaneiro o actual lehendakari, Iñigo Urkullu, como candidato para revalidar a presidencia do Goberno vasco, é agora a quenda de Euskal Herria Bildu. 

Na mañá de onte, segunda feira 27 de xaneiro, a mesa política da coalición da esquerda abertzale acordou propor de novo Maddalen Iriarte como candidata a lehendakari nos comicios que, ao igual que a Galiza, Euskadi realizará en 2020. 

A decisión foi tomada por unanimidade, mais aínda cabe a posibilidade de que militantes se candidaten. Con todo, fica xa descartada a posibilidade de que o portavoz de Bildu, Arnaldo Otegi, sexa o cabeza de lista. 

Pese a que Otegi continúa inhabilitado até o ano 2021 pola xustiza española, nas pasadas semanas especulouse coa posibilidade de que a coalición o nomease candidato como pulso ao sistema xudicial. 

O propio Otegi apresentou publicamente a proposta de Iriarte, sinalando que representa a alternativa de Goberno ao PNV. A abertzale, pola súa banda, afirmou estar ilusionada para encabezar de novo o reto electoral. 

Comentarios