Debacle da esquerda e opcións de representación para o nacionalismo corso

Macron volve gañar

O partido de Macron abeira a maioría absoluta nunhas lexislativas marcadas pola alta abstención. A dereita, hexemónica fronte unha esquerda que non pasaría dos 50 deputados nun Parlamento de 577. O nacionalismo corso podería entrar na Cámara con 2 escanos.

macron

Emmanuelle Macron volveu gañar, desta volta nas lexislativas. Unha vitoria contundente a que a súa formación, República en Marcha obtivo este domingo na primeira volta das eleccións francesas. A formación socioliberal non existía hai só uns meses e na súa primeira cita coas lexislativas atinxe 33% dos votos, que se traduciría en entre 415 e 455 deputados. Escanos máis que abondo para apoiar a axenda de reformas que Macron quer impulsar no seu mandato.

Os Republicanos, que concorrían aliados cos centristas da UDI, obtiveron por volta de 21%, o que se traduciría en entre 70 e 110 deputados. É menos da metade dos que a formación da dereita tradicional tiña no anterior Parlamento, boa mostra do terremoto político que Francia experimentou nestes meses. A terceira forza en porcentaxe de votos a nivel nacional foi a Fronte Nacional, con 13%. Porén, vai ser difícil que isto se traduza en deputados suficientes para ter grupo parlamentar por mor do ‘bloqueo republicano’.

Francia Insubmisa logrou 18% dos votos, o que se traduciría entre 8 e 18 escanos. A formación liderada por Mélenchon sitúase como primeira forza na esquerda, por riba dun Partido Socialista que sofre unha debacle. Obtivo apenas 9% dos sufraxios e as proxeccións sinalan que na segunda volta logrará entre 20 e 30 escanos, o que supón unha perda de máis de 250 deputados. O propio secretario xeral socialista, Cambadelis, non logrou pasar á segunda volta.

Na nova Cámara francesa poderían entrar 2 deputados nacionalistas corsos, que este domingo ficaron por diante na primeira volta nas súas respectivas circunscricións de Córsega. De logralo, sería máis un paso adiante para o nacionalismo corso, que en decembro de 2015 gañou as eleccións na illa, pasando así a gobernala por primeira vez.

A abstención foi de 51,2%, un nivel record na V República. A proximidade coas eleccións dos pasados 27 de abril e 7 de maio, das que saíu presidente Macron, poideron provocar que os comicios do domingo sufrisen un ‘efecto saturación’. 

Comentarios