Presidenciais francesas

Macron, virtual gañador, obtería 62 por cento do voto na segunda volta

Un inquérito de Ipsos realizado este mesmo domingo proxecta a clara vitoria do social-liberal Emmanuel Macron na segunda volta, con 62 por cento do voto, face o 38 de Marine Le Pen. Na votación deste domingo, primeira volta, aínda sen resultados oficiais, as estimacións outorgan a Macron 23,9 por cento e a Le Pen, 21,7.

macron
photo_camera Macron

79 por cento do eleitorado de Hamon (Partido Socialista) decantaríase por Macron na segunda volta, axendada para o 7 de Maio. Tamén serían para el 62 por cento dos votos obtidos este domingo por Mélenchon (Franza insubmisa). Os sufraxios que hoxe foron para Fillon, en troca, irían máis repartidos: 48 para Macron, 33 para Le Pen.

En realidade, e dada a correlación de forzas da política francesa, o que se decidía este domingo é que candidato iría receber na segunda volta o chamado voto republicano contra a ultra-direita. Esta mesma noite, François Fillon e Benoît Hamon xa anunciaron que o 7M votarán Macron, virtual sucesor no Elíseo de Holland.

Mudanzas na política francesa? Non demasiadas. Lembremos que Macron foi ministro de Economía no gabinete Holland, durante o período agosto 2014-agosto 2016.

Comentarios