Macron rexeita a dimisión da primeira ministra de Francia após perder a maioría absoluta nas lexislativas

Élisabeth Borne seguirá no seu cargo mentres o presidente de Francia negocia posíbeis pactos co resto de forzas da Asemblea Nacional.
A primeira ministra francesa, Élisabeth Borne, votando este domingo. (Foto: Sameer Al-Doumy / AFP / dpa)
photo_camera A primeira ministra francesa, Élisabeth Borne, votando este domingo. (Foto: Sameer Al-Doumy / AFP / dpa)

O Elíseo vén de informar na mañá desta terza feira de que o presidente de Francia, Emmanuel Macron, rexeitou a dimisión da primeira ministra do país galo, a ex socialista Élisabeth Borne.

A dirixente presentara a súa renuncia após os malos resultados nas eleccións lexislativas deste domingo para a candidatura de Macron, que perdeu a maioría absoluta na Asemblea Nacional. Mesmo algúns ministros do seu Goberno, que concorrían como aspirantes a un escano, quedaron fóra da Cámara lexislativa.

Segundo informou a axencia de noticias France Presse (AFP), o presidente de Francia non aceptou esta renuncia porque pretende que Borne siga no seu cargo, cando menos, até despois de sentar con todas as formacións políticas con representación na Asemblea Nacional. Neste sentido, a primeira ministra reunirase esta mesma tarde co seu equipo de goberno, tamén segundo AFP.

A intención de Macron é buscar un pacto, xa sexa permanente de coalición ou circunstancial segundo o tema tratado na Cámara lexislativa, para salvar os 44 deputados que o separan da maioría absoluta e manter o control da Asemblea Nacional.

Moción de censura

Mentres se decide o futuro da primeira ministra de Francia, a intención da coalición de esquerdas Nova Unión Popular Ecoloxista e Social (Nupes), a Francia Insubmisa, os Verdes, o Partido Comunista e o Socialista, é presentar unha moción de censura conxunta contra Borne unha vez comece a nova lexislatura, o vindeiro 28 de xuño.

Todo despois de que Nupes, a coalición dirixida por Jean-Luc Mélenchon, obtivese 127 deputados e a segunda posición na Asemblea Nacional. Segundo analistas en medios locais franceses, Mélenchon converteuse definitivamente con estes resultados no líder da esquerda francesa, despois de case entrar na segunda volta das eleccións presidenciais do pasado maio.

Por detrás de Macron e Mélenchon situouse Reagrupamento Nacional, de Marine Le Pen, que pasou de 8 a 89 deputados, sendo a maior suba da extrema dereita nunhas lexislativas francesas.

 A cuarta forza ocúpana Os Republicanos e aliados de centro-dereita, coa que o presidente de Francia podería estabelecer unha coalición para manter a maioría absoluta. Porén, o seu líder, Christian Jacob, xa segurou que se manterán na oposición.

Comentarios