Macron recoñece a responsabilidade de Francia no xenocidio de Ruanda

"Non foi cómplice" das matanzas, salientou porén o presidente.
Ofrenda en memoria do xenocidio. (Foto: Cedida)
photo_camera Ofrenda en memoria do xenocidio. (Foto: Cedida)

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, recoñeceu hoxe durante unha visita oficial a Ruanda a "abafadora responsabilidade" do país europeo no xenocidio cometido en 1994, que se saldou con máis de 800.000 mortes, aínda que destacou que París "non foi cómplice" das matanzas.

"Con humildade e respecto, estou hoxe aquí ao voso lado para recoñecer o alcance das nosas responsabilidades", dixo Macron, que antes de embarcar no avión con destino á capital ruandesa, Kigali, sinalou que o obxectivo era "escribir xuntos unha nova páxina das relacións con Ruanda e África".

Non obstante, salientou que os responsábeis do xenocidio "non tiñan a cara de Francia, que non foi cómplice". "O sangue que se derramou non deshonrou as súas armas nin as mans dos seus soldados, que viron cos seus ollos o innomeábel, curaron feridas e secaron as súas bágoas", defendeu.

"Con todo, Francia tiña un papel, unha historia e unha responsabilidade política en Ruanda. Ten un deber: mirar a Historia á cara e recoñecer a parte do sufrimento que infrinxiu ao pobo ruandés ao facer que o silencio durante demasiado tempo prevaleza sobre o exame da verdade", puntualizou.

"Francia non entendeu que, ao tentar evitar un conflito rexional ou unha guerra civil, púñase de feito ao carón dun réxime xenocida. Ao ignorar as alertas dos observadores máis lúcidos, Francia ten unha responsabilidade abafadora nunha situación que derivou no peor, algo que precisamente tentaba evitar", argumentou.

E incidiu en que "aínda que os responsábeis franceses tiveron despois a lucidez e o valor de cualificar o sucedido como un xenocidio, Francia non soubo adoptar as consecuencias apropiadas". "Tras iso, sucedéronse 27 anos de distanciamento, de incomprensión, de intentos de achegamento sincero mais infrutuosos", dixo.

'Informe Duclert'

A viaxe de Macron a Kigali chegou unha semana despois de que o presidente ruandés, Paul Kagame, afirmase que entre ambos os dous países "hai unha base para construír unha boa relación", tras a publicación do Informe Duclert en Francia, que contempla o papel de París durante o xenocidio.

O presidente francés aceptou o mes pasado abrir os arquivos do que era xefe do Estado durante o xenocidio, Francois Mitterrand. 

Xusto despois, o Goberno ruandés fixo público o seu propio informe, que estabelecía que Francia era consciente de que estaba a ser preparado un xenocidio e que tiña a súa parte de responsabilidade por manter o apoio incondicional ao entón presidente ruandés, Juvenal Habyarimana.

"Oficiais franceses armaron, aconsellaron, adestraron, equiparon e protexeron o Goberno ruandés", concluía ese informe, engadindo que París ocultara o seu papel durante anos. Foi precisamente o abatemento do avión de Habyarimana, causándolle a morte, que desencadeou os case cen días de matanza.

Nunha entrevista concedida a France 24 e Radio France Internationale a semana pasada, o actual presidente ruandés, Paul Kagame, salientou que aínda que os papeis desclasificados non determinan a complicidade de Francia no xenocidio, "o máis importante quedou cuberto". "A grande e abafante responsabilidade de Francia foi recoñecida. Iso é enorme, xa é dicir moito", manifestou.

Nest quinta feira, tras o discurso de Macron ante o memorial do xenocidio en Kigali, Kagame afirmou na conferencia de prensa conxunta que "as súas palabras foron máis potentes que unha desculpa". 

Comentarios