Macron e Le Pen competirán pola Presidencia de Francia o 24 de abril

A ultradereirta logra o seu mellor resultado nunha primeira volta das presidenciais francesas. A abstención incrementouse até 26%, catro puntos máis que en 2017.
O presidente francés e candidato do partido liberal Le République en Marche á reelección, Emmanuel Macron. (Foto: Ludovic Marin/AFP/dpa).
photo_camera O presidente francés e candidato do partido liberal Le République en Marche á reelección, Emmanuel Macron. (Foto: Ludovic Marin/AFP/dpa).

O presidente francés e candidato á reelección, Emmanuel Macron, foi o candidato máis votado na primeira volta das eleccións francesas decorrida este domingo con 27,35% dos votos e disputará a Presidencia o próximo 24 de abril coa candidata ultradereitista, Marine Le Pen, que conseguiu 23,97% dos votos, con 97% das papeletas escrutadas.

O terceiro candidato máis votado foi Jean-Luc Mélenchon, de esquerda, quen obtivo un 21,70% dos votos, a tan só 800.000 de Le Pen, segundo os datos publicados polo Ministerio do Interior francés.

Moi por detrás quedan o outro candidato de extrema dereita, Éric Zemmour (7,02%); a candidata conservadora Valérie Pécresse (4,73%); o candidato ecoloxista, Yannick Jadot (4,49%) e Jean Lassalle (3,23%). Nicolas Dupont-Aignan, Fabien Roussel, Anne Hidalgo, Philippe Poutou e Nathalie Arthaud non superan o 3%.

Participación

A participación nestes comicios foi do 74,8%, a máis baixa desde 2002, cando a taxa apenas superou 71%, segundo datos adiantados polo Ministerio de Interior francés.

"Non se equivoquen. Nada está resolto", afirmou Macron no seu discurso ante os seus simpatizantes na Porta de Versalles. "O debate que teremos os próximos 15 días é decisivo para o noso país e para Europa", advertiu.

Así, avogou por "propoñer algo novo para unir conviccións e sensibilidades diversas" e agradeceu o seu apoio aos candidatos que xa pediron o voto para a súa opción. "Agradezo a Anne Hidalgo, Yannick Jadot, Valérie Pécresse e Fabien Roussel que me brindaron o seu apoio desde esta mesma noite".

Segundo unha sondaxe publicada pola televisión BFMTV, SFR e L' Express, Macron impoñeríase a Le Pen cun 52-48% dos apoios na segunda volta das eleccións presidenciais.

Despois de coñecerse as sondaxes a pé de urna que xa adiantaban que Macron e Le Pen pasarían á segunda volta, os principais candidatos conservadores, socialistas e ecoloxistas pediron o voto para o actual presidente francés co obxectivo de derrotar Le Pen. Valérie Pécresse, candidata dos Republicanos (conservadores); Fabien Roussel, candidato do Partido Comunista Francés; o ecoloxista Yannick Jadot e a candidata do Partido Socialista, Anne Hidalgo, pediron o voto para o aspirante á reelección.

'Cordón sanitario'

O candidato da Francia Insumisa, Jean-Luc Mélenchon, deixou a decisión de cara á segunda volta á conciencia persoal e pediu "non dar nin un só voto a Marine Le Pen". "Ábrese unha nova páxina de loita. Cada un de vós atópase fronte ao muro da decisión que debe tomar. Coñezo o voso enfado. Non deixedes que vos faga cometer erros que serían difíciles de reparar", afirmou Mélenchon. "Sabemos a quen non votaremos nunca. Non debemos darlle un só voto á señora Le Pen", insistiu.

Jadot pediu "bloquear a extrema dereita" na segunda volta, mentres que Pécresse votará "en conciencia" a Macron "para evitar a chegada ao poder de Marine Le Pen". A alcaldesa de París, a gaditana Anne Hidalgo, pediu tamén votar a Macron "contra a extrema dereita de Marine Le Pen". "Pídolles con seriedade que voten en contra da ultradereita de Marine Le Pen coa papeleta de Emmanuel Macron", remachou.

Zemmour e Le Pen

A pesar dos seus agres enfrontamentos en campaña, Zemmour pediu rapidamente o voto para Le Pen para a segunda volta das eleccións. "Aínda que electoralmente non cambia nada, politicamente cambiou todo porque chegamos", destacou. "Teño moitas discrepancias con Marine Le Pen", dixo, mais "non me equivocarei de opoñente", engadiu. "Por iso fago un chamamento aos meus votantes para que voten a Marine Le Pen", afirmou no seu discurso. "Grazas a vostedes podo facer unha promesa: seguirei defendendo Francia e as nosas ideas. Xa estamos a planear o futuro. Non me deterei aquí", prometeu.

Na súa comparecencia, a candidata presidencial do partido Agrupación Nacional (AN) prometeu "pór en orde Francia en cinco anos". "Do seu voto dependerán as decisións políticas do próximo quinquenio, pero en realidade comprometerán a Francia durante os próximos 50 anos. Porei Francia en orde en 5 anos", afirmou Le Pen no seu discurso de agradecemento.

Así, Le Pen pediu o seu voto a todos os que este domingo "non votaron a Emmanuel Macron". "Todos os que hoxe -10 de abril- non votaron por Emmanuel Macron están destinados a sumarse a esta Agrupación", concluíu a ultradereitista.

Comentarios