Italia protesta

Macron, disposto a pagar a factura dun confronto con Bruxelas para desactivar os coletes amarelos

As medidas anunciadas esta segunda feira por Emmanuel Macron para enviar os coletes amarelos ás súas casa custarían ao erario 10 mil millóns de euros. Isto incrementaría o déficit público até o situar en 3,4 por cento, 4 décimas por cima dos limites estabelecidos por Bruxelas. Italia teme un agravio comparativo, pois os seus orzamentos foron condenados pola Comisión Europea cando o seu desvío ficaba en 2,4 por cento.

coletes amarelos

A batalla da opinión pública estana gañando sen problemas os coletes amarelos. 70 por cento das francesas e franceses simpatizan co movimento popular, en tanto que só 18 por cento aproba a xestión de Emmanuel Macron.

A resposta do Eliseo a esta disonancia coa sensibilidade media da sociedade francesa concretizouse esta segunda feira co anuncio dun incremento do salario mínimo (aínda que algunhas fontes, citadas por Público.pt, afirman que non é un aumento con carácter universal, senón un subsidio para determinadas situacións familiares) e un pacote de desgravacións fiscais para as rendas máis baixas, coa exención tamén de tributación para as horas extras.

A factura, por volta de 10.000 millóns de euros. A consecuencia, o incremento en seis décimas do déficit público previsto, que pasaría de 2,8 a 3,4 por cento, por riba do admisíbel para Bruxelas.

Non demorou en entrar en xogo o vice-primeiro ministro italiano e dirixente dos 5 Estrelas, Luigi Di Maio, quen chamou a Comisión Europea a actuar con Francia tal e como fixo con Italia (ao devolver unhas contas cun déficit de 2,4 por cento). Bruxelas, dixo, "tamén debería abrir un proceso contra Francia, se é que as regras se aplican a todos".

E que farán os coletes amarelos?

A cuestión agora radica en saber se o movimento de Macron vai ser suficiente para desactivar o levantamento popular, cuxa manifestación máis masiva concluíu o pasado sábado coa detención de por volta de 1.700 persoas.

Non parece nada seguro que o Eliseo vaia conseguir tan facilmente os seus obxectivos. Para comezar, hai convocados novos protestos para este sábado en París e non poucos elementos entre os coletes xa non se conforman con conquistas económicas e poñen no albo a cabeza política do propio xefe de estado.

Comentarios