ANÁLISE DE JULIO C. GAMBINA

Por que Macri venceu nas eleccións arxentinas?

Julio C. Gambina, doutor en Ciencias Sociais e Presidente de la Fundación de Investigacións Sociais e Políticas, FISYP, analiza as causas e consecuencias das eleccións presidenciais en Arxentina, que na súa segunda volta resultaron na vitoria do conservador Mauricio Macri.

Mauricio Macri [Fonte: Youtube]
photo_camera Mauricio Macri

Tras un ano de eleccións, finalmente desvelouse a incógnita para a nova quenda presidencial desde o 10/12/2015: Mauricio Macri foi electo polo voto de 12.903.301 persoas, un 51,40% de votantes, contra 12.198.441, un 48,60% do oficialista Daniel Scioli. A diferenza son 704.860 votos, un 2,80%. Os votos en branco, nulos, recorridos ou impugnados foron 636,818, un escaso 2,47%. Son datos relativos ao 99,17% das mesas escrutadas [1] con máis do 80% de votantes sobre o padrón electoral.

Trátase dun final moi apertado para un novo ciclo de disputa política na Arxentina. O resultado confirma a nosa tese relativa ás novidades políticas na Arxentina desde a crise do 2001. O bipartidismo tradicional entre peronistas (PJ) e radicais (UCR) cedeu lugar ás novas identidades que disputaron o ballotage recente, con coaligazóns que en magnitudes diversas conteñen a peronistas e radicais, entre outras identidades políticas vixentes na Arxentina. Macrismo e kirchnerismo son a novidade política destes anos.

Macrismo

Macri organizou o seu partido nestes últimos 10 anos, o PRO, con achegas substanciais de cadros e votos provenientes do peronismo e ata, inda que menos, radicais e doutras tradicións políticas e da xestión empresarial. Esa foi a base para dous períodos de goberno na cidade capital da Arxentina (2007-2011 e 2011-2015) e asegurar un próximo terceiro mandato liderado polo seu colaborador máis inmediato. Soubo no último tempo organizar unha coaligazón, CAMBIEMOS, aproveitando a dilatada estrutura radical, presente en practicamente todo o país e favorecer a supervivencia do vello partido de Irigoyen, que agora acumula uns cantos lexisladores, intendentes e gobernadores, cando parecía desaparecido da escena política.

A maioría dos seus votantes non son propios e dificilmente poida considerarse a metade destes como de dereita

O PRO presenta agora os seus principais cadros á fronte da xestión do distrito nacional, a cidade capital do país e a Provincia de Bos Aires, expresión dun 37/38% da economía, a poboación e o peso electoral, que ademais, foi a gran novidade na elección de outubro ao desprazar ao oficialismo, favorito en todas as enquisas e análises políticas. Trátase dun peso importante na disputa pola hexemonía política e na capacidade de consolidar poder territorial propio para nacionalizar unha forza xurdida desde a Cidade de Bos Aires.

Os votos propios logrados polo PRO son o 25% achegado nas primarias (agosto do 2015), nas que a súa coaligazón, CAMBIEMOS, conseguiu o 30%; estendido a 35% nas eleccións xerais de outubro (25/10) e logrando o 51,40% na segunda volta (22/11). O candidato ten tradición na dereita política e expresa, por primeira vez na historia recente (1983-2015) e ata máis atrás, a urxencia dun partido de dereita con votos na disputa institucional. A maioría dos seus votantes non son propios e dificilmente poida considerarse a metade destes como de dereita, inda que constitúen unha base masiva para construír apoio ao proxecto de restauración conservadora.

Kirchnerismo

O kirchnerismo emerxe como versión renovada do peronismo en 2003 e con capacidade de incorporar a sectores políticos con identidade á esquerda do peronismo, con atracción de intelectuais e mozos, especialmente sobre fins do primeiro mandato de Néstor Kirchner (2003-2007). O kirchnerismo non é necesariamente peronismo, tal como o foi o menemismo, senón que constituíu o intento de construír un proxecto transversal con capacidade de actuar sobre diversas organizacións sociais e políticas para estender a súa base social.

O kirchnerismo non puido xerar en 12 anos unha liña de cadros para a sucesión

Tres períodos de goberno (2003-2007; 2007-2011; 2011-2015) e unha importante votación e imaxe de Cristina Fernández dan conta da eficacia na construción de apoio destes anos, favorecidos por unha conxuntura internacional de alza de prezos internacionais das comodities [materias primas], especialmente da soia e a minería que abonaron unha política social masiva que atendeu a demanda de ingresos de millóns de persoas. Os principais logros sobre os que construíu o consenso susténtase na política social aludida; a posición asumida nas relacións internacionais, orientadas cara á rexión latinoamericana e caribeña, coroada en 2005 na Cimeira de Presidentes das Américas realizadas en Mar do Prata --que en converxencia coa Cimeira dos Pobos, impediu o rexurdimento da axenda do ALCA que pregoaba o presidente de EEUU nese tempo-- e nunha política de dereitos humanos, especialmente concentrada na memoria relativa aos anos da ditadura xenocida (1976-1983), a anulación das leis da impunidade e o alento aos xuízos aos xenocidas.

A falencia na construción de poder propio está clara no estilo de xestión kirchnerista, que impediu  asegurar a continuidade do ciclo. O candidato seleccionado para a disputa electoral nunca satisfixo os núcleos militantes do oficialismo e sostívose polas medicións de apoio electoral provistas polas consultoras de opinión e a decisión da presidenta. O kirchnerismo non puido xerar en 12 anos unha liña de cadros para a sucesión, nin mostrou capacidade, para alén de organizar forza propia, para disputar apoios na organización do movemento social, nin entre os traballadores, nin nos territorios, os establecementos educativos ou diversas expresións da organicidade popular. O estendido vínculo do consenso procesábase entre o liderado de Néstor e Cristina cos seus adherentes, dando conta dunha falencia na construción de mediacións de poder no movemento popular. De aquí xorden as incógnitas do futuro próximo do kirchnerismo, xa que a base de poder deveu das posicións na xestión do Estado.

Peronismo

Hai peronismo na coaligazón que lidera Macri. Existe peronismo no kirchnerismo, e tamén están os peronistas disidentes, liderados pola coaligazón entre Sergio Massa e José Manuel Da Sota, quen colleitaron o terceiro lugar na elección xeral de outubro pasado e con 5,5 millóns de votos. Un caudal que maioritariamente optou por Macri, con sinais orientadoras nese sentido dos principais líderes.

Hai peronismo na coaligazón que lidera Macri. Existe peronismo no kirchnerismo, e tamén están os peronistas disidentes liderados por  Massa

Logo da morte de Perón en 1974 tendo legado o seu proxecto ao Pobo, o peronismo foi derrotado á saída da ditadura por Raúl Alfonsín (1983-1989) e rexurdiu cun proxecto reaccionario con Carlos Menem entre 1989 e 1999 para consolidar os cambios estruturais regresivos imaxinados en tempos ditatoriais (1976-1983). O proxecto do terrorismo de Estado foi posible daquela, desde o consenso logrado polo peronismo (menemismo) no goberno. Destaca neste sentido a afirmación do modelo produtivo e de desenvolvemento subordinado á dominación das transnacionais de orixe estranxeira, a exacerbación do estrativismo para a exportación e a profundización da dependencia e a especulación con eixe no endebedamento público e a fuga de capitais.

Da man do peronismo chega Néstor Kirchner ao goberno e constrúe o seu propio poder máis alá do peronismo. Iso xera as disidencias que permiten pensar nunha nova rolda de disputa polo liderado da identidade peronista. Xa dixemos que boa parte dos votantes de Macri proveñen do peronismo, inda que a disputa polo legado peronista realizarase entre o kirchnerismo e os gobernadores desa tradición e moi especialmente pola alianza entre Massa e Da Sota.

É probable tamén que o macrismo dispute unha transversalidade desprazada á dereita para captar dirixentes e referentes do peronismo e outras identidades políticas.

Por que gañou Macri?

Moito do voto na segunda volta foi en contra. Contra Macri votouse, en boa parte, a Scioli. Contra o kirchnerismo, ou contra Cristina Fernández, moitos votaron a Macri. Esta opción foi más forte e sobre 7,5 millóns de votos cara a outros candidatos en outubro pasado, Macri colleitou 4,5 millóns e Scioli 3 millóns. A lóxica do ballotage é a opción entre un e outro, e así se percibiu por 25 millóns de electores e un escaso voto branco, nulo ou recorrido.

O voto castigo é a primeira explicación que pode atoparse para a vitoria de Macri

O voto castigo é a primeira explicación que pode atoparse, inda que o apoio do oficialismo é amplo, non só pola votación (48,60%) senón tamén pola elevada imaxe positiva con que deixa o goberno Cristina Fernández logo de 12 anos.

Xa mencionamos que o candidato oficialista non foi o mellor e non tiña grandes diferenzas con Macri, nin pola súa orixe empresarial, o seu inicio na política da man de Menem e unha xestión da Provincia de Bos Aires por dous periodos (ídem Macri na Cidade de Bos Aires) e con resultados non moi distintos en saúde, educación, seguridade ou inseguridade, entre outros aspectos.

A evolución da economía, especialmente desde o 2011, co 54% de apoio electoral ao segundo período de Cristina Fernández, non tivo os mellores datos. A crise mundial golpeou con baixas dos prezos internacionais. A inflación elevouse considerablemente afectando os ingresos populares. As reservas internacionais, dun máximo de 52.000 millóns de dólares en 2011 reducíronse á metade no presente, explicado pola fuga de capitais e a cancelación dunha débeda que hipoteca e condiciona o presente e futuro do país, xunto a unha sentenza en firme nos EUA para cancelar 100% da débeda de inversores non ingresados ao troco de débeda do 2005 e 2010, os fondos voitres. O emprego deixou de crecer e a caída da produción industrial puxo en evidencia os límites do proceso de produción fabril, reducido a un armazón dependente de insumos estranxeiros, especialmente con déficit enerxético.

Nin a política, nin a economía foron datos favorables para un cuarto período de xestión kirchnerista

Nin a política, nin a economía foron datos favorables para un cuarto período de xestión kirchnerista. O resultado sustentouse na oferta de “cambio” proposta por Macri, quen licou o seu programa tradicional facéndoo máis amigable a varios proxectos do goberno kirchneristas. Todo parecía que a oferta era cambiar o estilo de xestión, inda que se recoñece que o espectro intelectual profesional detrás do futuro presidente supuxo a restauración dun programa más favorable ás clases dominantes.

Un elemento destacable foi o papel dos medios favorables á oposición que instalaron un sentido común de crítica á xestión do goberno. Á vez, a prensa oficialista non puido superar o estilo de propaganda orientada cara aos convencidos, sen asumir unha mínima crítica ás políticas oficiais e eludindo os descontentos sobre o candidato e campaña oficialista.

O carácter contrario ao proceso de cambio latinoamericano na prensa hexemónica, organizada desde monopolios privados de comunicación, divulgou unha crítica ao ciclo inaugurado desde a elección de Hugo Chávez en Venezuela en 1999 e outros procesos rexionais que intentaron o alento a unha integración non subordinada. A prensa instalou con éxito a crítica á experiencia venezolana e identificou a proposta da revolución bolivariana co destino do goberno kirchnerista, cando este nunca asumira o proxecto anticapitalista formulado desde Caracas.

Primeiras mensaxes

Reorientar a política internacional, con iniciativas contra Venezuela e Irán, promovendo novas e renovadas relacións con China e especialmente cos EUA. Trátase dunha mensaxe clara de aliñamento co programa liberalizador que sustenta o imperialismo e as clases dominantes, empuxando desde o Mercosur o achegamento coa Alianza do Pacífico.

Trátase dunha mensaxe clara de aliñamento co programa liberalizador que sustenta o imperialismo e as clases dominantes

As designacións no Gabinete non tiveron sorpresas, salvo a continuidade do Ministro de Ciencia e Tecnoloxía que acompañou a Cristina Fernández nos seus dous períodos de Goberno. O elenco de goberno son profesionais e políticos de concepción neoliberal e con orientación a promover a iniciativa privada, o acceso de investimentos externos e a reinserción da Arxentina no sistema financeiro mundial. Boa parte dos funcionarios do novo goberno teñen currículum en empresas privadas.

A mensaxe coidadosa en campaña electoral pode continuar na primeira parte da xestión, inda que a anunciada unificación do tipo de cambio (depreciación da moeda) pode impactar non só en cambios dos prezos relativos, senón na percepción da poboación sobre o sentido da política da nova xestión presidencial. É algo que se fará visible nos próximos días, logo da asunción o 10 de decembro. [Para profundar na orientación da política económica, ler estoutro artigo do autor: Orientacións da política económica da presidencia Macri]

Os mercados responderon o estímulo dun goberno prol mercado e nestes primeiros días mostráronse ao alza e ata con tomas de ganancias no curto prazo, dando conta dunha sensibilidade para a especulación prol capitalista.

Para pensar

O cadro descrito é de crise do sistema político, con urxencia de novos actores que disputan a identidade do pobo arxentino; co macrismo pretendendo unha transversalidade cara á dereita. Ao mesmo tempo permite pensar na posibilidade de construír alternativa política popular. É algo non logrado desde a crise do 2001; especialmente cruzado pola urxencia do kirchnerismo e a súa transversalidade cara á esquerda. O desafío suscítase na potencialidade de construír unha alternativa política para impedir a restauración e ir más alá do posible que permite a orde capitalista contemporánea en proceso de crise mundial.

O desafío é construír unha alternativa política para impedir a restauración neoliberal

É preciso caracterizar adecuadamente o momento actual, que non é o retorno liso e plano aos 90'; senón unha proposta de modernizar o proxecto político das clases dominantes, que por primeira vez acceden ao goberno co apoio dos votos.

Na reelección de Menem en 1995 existiu consenso ao proceso de reestruturación regresivo despregado no primeiro mandato entre 1989 e 1995. Non é o que ocorre agora, cunha maioría lograda como voto castigo ao goberno. Non hai mandato explícito para a restauración dos 90´ inda  que o goberno sustentará o seu programa liberalizador no apoio electoral.

Baixo estas condición o que se require é pensar criticamente a realidade e propoñer unha perspectiva de emancipación social máis alá do réxime do capital.

Comentarios