Dificultará o acceso das formacións soberanistas á cámara

Luz verde á reforma que coloca unha barreira mínima de voto para entrar no Parlamento europeo

Foi apadriñada por Alemaña en teoría para impedir o acceso á ultra-direita de inspiración nazi, mais a súa posta en práctica dificultaría a entrada na Eurocámara das organizacións soberanistas. O limiar mínimo para obter representación estará entre 2 e 5 por cento do voto estatal. Serán os estados os que decidan en que percentaxe fica finalmente.

pleno
photo_camera Un aspecto do pleno

En 2014, o Bloque Nacionalista Galego obtivo representación na Eurocámara —a que ostenta Ana Miranda— ao integrar unha coligación con EH Bildu que conseguiu 2,07 por cento do voto estatal e un escano (rotatorio coa esquerda abertzale). Daquela non existía nengún tipo de barreira de acceso. Coa que acaba de aprobar o Pleno do Parlamento europeu, e de se repetir os resultados, a organización soberanista galega entraría polos pelos na Eurocámara, se o Goberno español optar por situar a barreira no mínimo posíbel. Se ir á barreira máis alta ←5 por cento— estaría en risco até a representación de L'Esquerra pel Dret a Decidir, marca liderada por ERC (4,02 por cento) e de Coalición por Europa, formada por PNV e a antiga Convergència, con 5,44 por cento.

En Marea non existía en 2014, mais o seu embrión —AGE—, si. De repetir como é probábel a súa política de alianzas coa esquerda de ámbito estatal, a confluencia non estaría afectada polo estabelecimento dunha peneira de acceso, sendo que hai 5 anos conseguiu un escano —o de Lidia Senra— ao integrar unha coligación que conseguiu 7,97 por cento dos sufraxios.

Esta reforma electoral foi aprobada esta cuarta feira polo Parlamento europeo —con 397 votos a favor, 207 en contra e 62 abstencións— e o previsíbel é que sexa unanimemente asumida polo Consello, isto é, polos 28 estados membros da Unión.

Este limiar existía na práctica totalidade dos estados membros, coa excepción do español e de Alemaña. Precisamente o movimento que puxo en marcha a reforma veu de terras xermanas, visando —de acordo coa doutrina oficial— o obxectivo político de deixar fóra da Eurocámara a forza de ultra-dereita Alternativa por Alemaña, partido que segundo as enquisas supera, porén, e con comodidade, o limiar de 5 por cento.


E que fará o Estado español? Se nos atemos ao dito esta cuarta feira polo eurodeputado Ramón Jáuregui, histórico dirixente do PSOE, situará o limiar na percentaxe mínima posíbel, isto é, en 2 por cento. Parece o probábel dada a dependencia aritmética que o goberno Sánchez ten no Congreso dos Deputados en relación ás forzas soberanistas.

Mentres tanto, na súa conta twitter Ana Miranda denuncia esta reforma.por ser contraria ao pluralismo democrático.

 

Comentarios