Luz verde á prórroga que estende o estado de alarma até o 7 de xuño

O Goberno español volveu sacar adiante a prórroga do decreto de alarma. Mais fíxoo con menos votos a prol que en anteriores ocasións. Forzas soberanistas que apoiaran a investidura recriminaron ao Executivo estatal que tivese maior disposición a chegar a acordos coa dereita que cos nacionalismos. 
O Congreso, onte, no debate sobre a prórroga da alarma (Imaxe: Pool)
photo_camera O Congreso, onte, no debate sobre a prórroga da alarma (Imaxe: Pool)

A quinta prórroga do estado de alarma saíu aprobada polo pleno do Congreso dos Deputados esta cuarta feira, 20 de maio, e fíxoo con con 177 votos a favor, 11 abstencións e 162 en contra. O número de apoios é o menor de todas as votacións sobre os decretos da alarma.

As forzas que forman o Goberno, PSOE e Unidas Podemos, mantiveron con elas o apoio de Ciudadanos (Cs) mais continúan a perder as forzas nacionalistas que facilitaron a investidura do presidente Pedro Sánchez. Quen noutrora votaran co executivo recriminaron a "falla de vontade negociadora" do Executivo, ao que acusan de preferir mirar para a "dereita españolista" e non para a súa esquerda e o soberanismo. Así o dixeron os deputados Néstor Rego (BNG) e Gabriel Rufián (ERC). "Ou a maioría progresista ou a dereita", sinalou Mertxe Aizpurua (EH Bildu) . "Non é momento de vacilar, elixa ben", advertiu a vasca a Sánchez. 

Precisamente, o Goberno fechou na terza feira, 19 de maio, un acordo con Cs para contar cos seus votos para o estado de alarma. A cambio, Pedro Sánchez non pediu unha prórroga dun mes senón dunha quincena; solicitude que tamén puñan sobre a mesa outras forzas para daren o seu apoio. Con todo, o portavoz adxunto de Cs, Edmundo Bal, advertiu a  Sánchez  que "non se equivoque" porque "non ten un novo socio".

O propio Sánchez amarrou as palabras de Bal para dicir ás soberanistas que el non mudara de socias e incidiu en que a súa aposta continuaba a estar coa maioría da investidura. "Até o representante de Ciudadanos  o apuntou así", dixo o presidente.

Tamén o PNV votou a prol do decreto. A comezos de mes postulárase en contra, mais xa na anterior prórroga moderou a súa crítica ao novo decreto permitir a convocatoria electoral durante o estado de alarma, o que permitiu ao lehendakari vasco datar as urnas para o 12 de xullo. 

Na abstención situouse o BNG para non obstaculizar que o estado de alarma saíse adiante, a pesar de non compartir o contido do decreto, que continúa a limitar a mobilidade dentro da Galiza aos lindes das provincias.

Tamén optaron pola abstención en EH Bildu. A deputada abertzale Aizpurua anunciou que o seu grupo está a negociar co Goberno estatal a derrogación da reforma laboral de hai oito anos. "Non deixe caer esta oportunidade de facer algo bo para todas as traballadores e traballadores", pediu Aizpurua.  Sánchez, na súa resposta, amosou o seu compromiso con derrogar a reforma laboral, mais non lle puxo data. Foi entón cando Aizpurua confirmou a abstención da esquerda soberanista vasca a cambio de que o Goberno aposte por tombar a reforma. 

As forzas catalás votan xuntas en contra 

As forzas independentistas catalás partillaron o mesmo sentido de voto. Tanto Junts, como ERC e a CUP apostaron polo 'non'. O deputado republicano Gabriel Rufián non adiantara o sentido de voto e Esquerra estivo negociando co Goberno para pór fin á recentralización e reactivar a mesa de diálogo para a resolución do conflito catalán. Finalmente, Rufián afirmou estar ante a constatación de que o Executivo non quere negociar nada co independentismo e foi moi duro ante a falla de acordo logo de que o Goberno selase a votación con Cs. "O espírito da investidura era pór un dique ao fascismo, mais vostedes prefiren a xeometría e escolleron a dereita", dixo Rufián.

Na bancada do 'non' estrouse inesperadamente o deputado Joan Baldoví (Compromís). O valencianista criticou ao Goberno non querer mellorar o financiamento autonómico e, por tanto, a sanidade valenciana, dixo. Criticou Baldoví así os criterios de reparto ás comunidades do fondo do Estado contra a crise. Os seus compañeiros de coalición de Más País votaron 'si'. Con todo, o seu portavoz, Iñigo Errejón instou a Sánchez a "reconstruír" a maioría da investidura.

O PP inaugúrase no 'non'

O presidente do Partido Popular, Pablo Casado, cualificou de "buraco negro para as liberdades públicas" o estado de alarma e describiu como "brutal reclusión" o confinamento da poboación para previr o contaxio. Desta maneira o PP estreouse votando 'non'. Tamén Vox se mantivo no voto en contra. 

O BNG abstense polo 'non' á mobilidade na Galiza

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego xa anunciara que ía facilitar o mantemento do estado de alarma votando 'si' ou absténdose. A posición final, sinalou no atril, dependería de se o Goberno estatal aceptase ou non as demandas que o nacionalista puxera estes días enriba da mesa: reverter a centralización de competencias, permitir a mobilidade interprovincial dentro da Galiza entre as zonas que estean na mesma fase, e que criterios como a dispersión poboacional ou o envellecemento pesasen no reparto dos fondos contra a crise que o Estado distribuirá entre as comunidades. 

Finalmente, a escolla foi a da abstención porque, pese a que o BNG considerou que os cambios introducidos polo Goberno  nas condicións do estado de alarma "van na boa dirección", o nacionalismo segue a defender que "outro estado de alarma é posíbel" e que os criterios de repartición das axudas "non son xustos". Razón de peso para o BNG absterse é que non se aceptase a demanda de mobilidade entre as provincias galegas cuxos lindes, incidiu o Bloque, non responden á realidade social galega. O propio Sánchez 
deu portazo ás negociacións co Bloque ao responder a Rego agradecéndolle "a súa abstención". 
 

Comentarios