Luz verde do Consello de Ministros para enviar a reforma das pensións ao Congreso

Comeza o curso político co primeiro Consello de Ministros despois da volta das vacacións de verán. Nesta primeira xuntanza, o Executivo español aproba enviar ao Congreso a lei para garantir o poder adquisitivo das pensións, así como unha declaración de emerxencia por incendios da que a Galiza foi excluída.
Reunión do Consello de Ministras e Ministros decorrido onte. (Foto: Pool Moncloa / Fernando Calvo)
photo_camera Reunión do Consello de Ministras e Ministros decorrido na terza feira. (Foto: Pool Moncloa / Fernando Calvo)

O Consello de Ministras e Ministros vén de dar luz verde na xuntanza desta terza feira ao Anteproxecto de Lei de garantía de poder adquisitivo das pensións, que segundo Isabel Rodríguez, ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno do Estado español, significa “rematar cunha década de incerteza nas pensións”.

Na iniciativa, recupéranse “os consensos en materia de pensións” apuntou, destacando o acordo aprobado o pasado outono no Pacto de Toledo, e a volta ao “diálogo social”, co acordo do pasado 1 de xullo.

O obxectivo principal do texto, que vencella o importe das pensións á inflación é ao Índice de prezos de consumo (IPC), é, segundo a voceira, “a tranquilidade dos pensionistas de hoxe e dos que o seremos mañá”.

No caso de que o IPC sexa negativo, “manteranse os importes”, detallou Rodríguez, que  expresou a intención do Executivo estatal, con este paquete de medidas, de achegar a idade efectiva da xubilación á idade ordinaria.

As propostas que inclúe o anteproxecto, que agardan sexa aprobado antes de fin de ano para cumprir cos compromisos coa Unión Europea, incidiu, son mellorar os “incentivos á xubilación mediante un cheque de até 12.000 euros anuais” e “un 4% adicional de pensión de por vida”, coa posibilidade dunha “combinación de ambas”. Tamén se inclúe a eliminación de varias excepcións de cláusulas de xubilación forzosa, así como a mellora dos “coeficientes de xubilación anticipada”, para equiparalos paseniño co resto de traballadoras e traballadores, en busca da “equidade”. Salientou que a partir de 2027 está previsto que opere un “novo mecanismo de equidade interxeracional”, aínda por fechar no diálogo social, “para avanzar nas fontes de financiamento”.

Nos vindeiros meses, anunciou Rodríguez, o Executivo español abordará temáticas como a cotización dos autónomos polos seus ingresos reais, a equiparación das pensións de viuvez das parellas de feito ou a cotización das persoas bolseiras.

Exclúen a Galiza da declaración de "zona de emerxencia" por lumes

Malia que Pedro Sánchez, presidente do Estado, comunicara hai tres días que serían declaradas "zonas gravemente afectadas pola emerxencia de protección civil todos e cada un dos territorios que sufriran incendios ao longo deste verán, ou catástrofes", o Consello de Ministras e Ministros decidiu excluír a Galiza, que tampouco terá dereito ás axudas asociadas.

Os datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico indican que a Galiza foi o segundo territorio do Estado que precisou máis axuda polos incendios forestais até o 1 agosto, con 63 intervencións en 21 lumes. Recibiron a declaración até trece territorios: Andalucía, Aragón, Canarias, Castela-A Mancha, Castela e León, Catalunya, País Valencià, Extremadura, Balears, A Rioxa, Madrid, Nafarroa e Asturies.

Comentarios