xoves 01/10/20

O lume de Moria esténdese a través da UE

O incendio no campamento de refuxiados de Moria, no sur de Europa, en territorio comunitario, iluminou a política migratoria da UE e as carencias desta. Os Gobernos dos Estados membros piden unha acción coordinada por Bruxelas, mais escúsanse na falla dela para seguir sen actuar nesta crise.
EuropaPress_3309766_11_september_2020_greece_moria_children_play_on_beach_near_the_burnt-out (1)
Varios cativos xogan nunha praia de Lesbos próxima ao incendiado campo de refuxiados de Moria (Socrates Baltagiannis / dpa)

"O sufrimento e a violencia provocados polas políticas migratorias europeas e gregas son os verdadeiros culpábeis do incendio". Dicíao Aurelie Ponthieu, a experta en desprazamentos de Médicos Sen Fronteiras logo de o lume arrasar na madrugada da cuarta feira o campamento de refuxiados de Moria, na illa grega de Lesbos. "Agardamos que das cinzas non renaza o mesmo sistema inhumano de contención vixente até agora", reclamou.

Mais o lume, lonxe de se apagar, ameaza con se estender pola UE, até Bruxelas, atravesando varios Estados membros. Máis de 12.000 persoas viven en Lesbos, en territorio comunitario europeo, sen teito e sen acceso ás necesidades básicas. Máis de 12.000 persoas que até o incendio desta semana, tal e como levan advertindo as organizacións humanitarias desde hai anos, vivían en Lesbos, en territorio comunitario europeo, amoreados en tendas e en condicións de insalubridade.

Nun xesto humanitario aínda que simbólico, a chanceler de Alemaña, Angela Merkel, e o presidente de Francia, Emmanuel Macron, confirmaron que traballan na recolocación dos menores que habitaban o campamento. Trataría dos 406 non acompañados dentro do total de 4.000 nenas, nenos e adolescentes de Moria. 

"Alemaña, Francia e agardo que outros países asumiremos a nosa responsabilidade propoñendo acoller menores non acompañados, en particular", indicou Macron na conferencia de prensa da VII cimeira dos países do sur da UE (MED7). Fíxoo tras se reunir alí co primeiro ministro grego, Kyriakos Mitsotakis, informou AFP.

Presión en aumento

"Sabemos desde hai moito tempo ─dixo desde Alemaña Merkel─ que a xente vive alí en condicións inhumanas". O incendio "mostrou, como se for unha lupa, cal era o problema [...] Non pode permanecer así", engadiu. Porén, advertiu: "Alemaña cumpre coa súa responsabilidade, mais non podemos estar satisfeitos coa política migratoria europea. Neste momento, realmente non existe". 

O semanario alemán Die Zeit fíxose eco das críticas que está a recibir o Goberno alemán neste sentido. Representantes de partidos políticos e organizacións da sociedade civil están a presionar o ministro federal do Interior, Horst Seehofer (da CSU, Unión Social Cristiá, aliada en Baviera da CDU, a Unión Demócrata Cristiá de Angela Merkel), para que permita a admisión urxente dos inmigrantes de Moria.

Varios länder, como Berlín, Turinxia, Renania do Norte-Westfalia e Baviera, declararon a súa vontade de aceptar un maior número de refuxiados, explica Die Spiegel. Porén, esta decisión require do consentimento do Goberno federal, nomeadamente do ministerio que dirixe Seehofer. Este négase, insistindo no argumento de que a solución debe ser a nivel de toda a UE.

O director xerente da organización de axuda aos refuxiados Pro Asyl, Günter Burkhardt, cualificou esta postura como unha "manobra de distracción". "Calquera que fale dunha solución europea aquí está xogando a gañar tempo e buscando unha coartada para a inacción", dixo.

Para Katja Kipping, líder do partido da esquerda Die Linke, "Seehofer abraza a extrema dereita nas súas propias filas e na AfD [Alternativa para Alemaña, partido da ultradereita] cando se nega a permitir que os Gobernos estatais e os municipios acepten refuxiados de Moria".

Tamén no seo da propia coalición de Goberno a tensión vai en aumento. Saskia Esken, líder do SPD (Partido Socialdemócrata) pediu á CSU que permita a inmediata acollida de refuxiados, e a tamén membro do SPD, a ministra de Familia, Franziska Giffey, dixo que "non podemos agardar até que todos os Estados membros europeos cheguen a un acordo. Iso levará semanas e meses".

Mesmo dentro da CSU tamén hai voces críticas coa actitude de Seehofer. Na quinta feira, 16 membros do grupo CDU/CSU no Bundestag, o Parlamento federal alemán, enviaron unha carta exixindo a admisión de 5.000 refuxiados, "de ser posíbel canda outros Estados da Unión Europea, mais se é necesario tamén sós". Un dos asinantes é Norbert Röttgen, que se postula para a presidencia da CDU. 

E o propio ministro de Desenvolvemento, Gerd Müller, tamén da CSU, pediu a admisión de 2.000 refuxiados. Nunha entrevista na canle de TV ARD sinalou: "Moria non é un campo de refuxiados; é unha prisión. Os refuxiados están amoreados como criminais".

"Un incendio que dá billete aos Países Baixos"

Tamén o Goberno de coalición en Austria entre o conservador Partido Popular (ÖVP) e Os Verdes está en tensión como consecuencia do incendio en Moria. Desde que se compuxo no mes de xaneiro, a política migratoria é lugar común de conflito entre socios. "Se despexamos o campo de Moria, volverá estar cheo", dixo na cuarta feira o ministro de Exteriores, Alexander Schallenberg, designado polo ÖVP, asegurando que non se acollerá nin un refuxiado máis. Un día despois, a portavoz de Exteriores dos Verdes, Ewa Ernst-Dziedzic, asegurou que estaban a exercer toda a presión para mudar esta postura.

E os Países Baixos anunciou que acollerá cincuenta menores de 14 anos non acompañados e cincuenta persoas, con fillos menores, en situación vulnerábel. O Goberno, nunha carta ao Parlamento, dixo preferir non obstante que fose a UE a que coordinase a acollida. A maioría parlamentaria apoia a acción pola "excepcionalidade" do drama en Moria. Non a ultradereita. "A partir de agora, incendiar campos de refuxiados será recompensado cun billete aos Países Baixos. Dáme moito noxo", afirmou o líder do Partido pola Liberdade (PVV), Geert Wilders.

comentarios