580 días de prisión

Lula volta libre ao lugar onde se despediu do pobo

Após 580 días en prisión, o ex presidente Luiz Inácio Lula da Silva torna este sábado 9 de novembro xa en liberdade ao local do Sindicato dos Metalúrxicos, en São Bernardo do Campo, desde onde se despedira hai un ano e sete meses do pobo nun masivo acto antes de ser encadeado.

 

Lula volta libre ao lugar onde se despediu do pobo
photo_camera Lula xa é libre (PT)

O ex presidente brasileiro que chegou ao poder en 2003 co Partido dos Trabalhadores, Luiz Inácio Lula da Silva, abandonou a cadea do Estado de Paraná a sexta feira 8 de novembro, onde levaba xa 580 días de prisión.

Luiz Inácio Lula da Silva, abandonou a cadea do Estado de Paraná a sexta feira 8 de novembro, onde levaba xa 580 días de prisión

O Brasil celebra a liberación e a fin dunha inxustiza que desde as forzas de progreso brasileiras e internacionais tacharan de persecución política contra o líder da esquerda do Brasil, coincidindo tamén co golpe de Estado en forma de impeachment que apartou Dilma Rousseff e o PT da presidencia e entregou o país á dereita.

O ex mandatario brasileiro foi recibido por centos de persoas vestidas de vermello e máis pola súa familia. «Vostedes foron o alimento que eu precisaba para resistir», declarou Lula ao ser liberado e en agradecemento ao pobo.

Múltiples concellos do país teñen programado para este sábado 9 de novembro actos de celebración pola liberación de Lula, salientando o acto que se realizará na favela máis grande de Río de Janeiro, a Rocinha, así como o discurso que o ex presidente dará de novo na sede do Sindicato Metalúrxico de São Bernardo do Campo, o lugar desde onde se despediu do pobo xusto antes de entrar na prisión.

A Xustiza decretou a posta en liberdade de Lula a petición da defensa e após o Supremo Tribunal Federal (STF) revocar a quinta feira 7 de novembro a prisión. A saída do ex mandatario responde á orde do xuíz federal Danilo Pereira.

Por un voto de diferenza (6 contra 5) o STF decidiu liberar Lula seguindo o principio constitucional de presunción de inocencia, revogando así a execución da pena despois dunha condena en segunda instancia, polo que a orde de prisión só poderá darse despois de resolver todas as apelacións posíbeis.

A condena de Lula era de 8 anos e 10 meses de prisión, acusado dun caso de corrupción que sempre negou, ao redor dun apartamento, e tamén foi condenado a 12 anos e 11 meses de cárcere supostamente por lavado de diñeiro con outro inmóbel. Nin as acusacións foron demostrábeis nin o xuíz que o condenou foi imparcial. Sérgio Moro, o xuíz, foi un dos alicerces da vitoria do ultradereitista Jair Bolsonaro na súa chegada ao poder.

Un caso, o de Lula, que foi pois denunciado como de represión política a través dun revestimento xudicial contra quen, de poderse presentar ante Bolsonaro se a xustiza non o tivese bloqueado, tería as de gañar.

Comentarios