Lula promete reverter o "xenocidio" aos pobos indíxenas do Brasil deixado por Bolsonaro

"Non haberá máis xenocidios. Os pobos indíxenas serán tratados con dignidade", manifestou o máximo mandatario brasileiro.
O presidente de Brasil e líder do Partido dos Traballadores, Lula da Silva. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de Brasil e líder do Partido dos Traballadores, Lula da Silva. (Foto: Europa Press)

O presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, prometeu acabar coa minaría ilegal na súa visita a unha comunidade indíxena no Estado de Roraima, así como o "xenocidio" deixado ao seu paso polo "Goberno insensíbel" de Jair Bolsonaro.

"Máis que unha crise humanitaria, o que vin en Roraima foi un xenocidio. Un crime premeditado contra os yanomami, cometido por un Goberno insensíbel ao sufrimento do pobo brasileiro", compartiu o presidente Lula no seu perfil de Twitter.

Lula denunciou que ademais do "esquecemento" e do "abandono" aos que relegou o anterior Goberno a todas estas comunidades, "a principal causa" dos problemas na Amazónia é a invasión de miles de extractores ilegais de minería, os garimpeiros, cuxa presencia na rexión foi "incentivada" por Bolsonaro.

"Os garimpeiros envelenan os ríos con mercurio, causando destrución e morte [...] Díxeno durante a campaña e dígoo novamente agora con máis convicción: non haberá minaría ilegal en terras indíxenas", dixo Lula, quen tamén prometeu melloras en materia de saúde e transporte para estas comunidades.

"Dignidade para os pobos indíxenas"

"Non haberá máis xenocidios. Os pobos indíxenas serán tratados con dignidade. A humanidade ten unha débeda histórica cos pobos indíxenas, que preservan o medio ambiente e axudan a conter os efectos do cambio climático. Esa débeda será pagada en nome da supervivencia do planeta", salientou.

Lula mostrouse sorprendido polo estado de saúde e as altas taxas de desnutrición e fame entre as persoas que viven nestas comunidades do interior da selva amazónica brasileira, onde a febre do ouro está a provocar un aumento da destrución destas terras.

Entre as principais comunidades afectadas está a poboación yanomami, onde 570 dos seus nenos morreron durante o pasado goberno, segundo denunciou esta fin de semana a ministra de Pobos Indíxenas, Sônia Guajajara.

Comentarios