Luis Ocampo, dirixente de Izquierda Castellana: "A segunda restauración borbónica está acabada, non teñen proxecto"

"Sen Castela en pé non haberá proceso revolucionario no conxunto do Estado", explica Luis Ocampo. Nado na Galiza en 1952 e médico de profesión, trasladouse a Valladolid no 85. Foi compañeiro de Doris Benegas, avogada falecida en 2016 e dirixente de Izquierda Castellana, partido que tenta agora ilegalizar o Ministerio de Interior.
O médico Luis Ocampo diante de 'La Molinera', centro social ocupado en Valladolid (Foto: Nós Diario)
photo_camera O médico Luis Ocampo diante de 'La Molinera', centro social ocupado en Valladolid (Foto: Nós Diario)

—Denuncian a tentativa do Estado español de ilegalizar Izquierda Castellana (IzCa) como partido. Como se atopa este proceso?
Está en fase de recurso na Audiencia Nacional. A vista pública será o 14 de decembro. A argumentación que utiliza o Ministerio de Interior para xustificar a ilegalización é que non adaptamos os nosos estatutos ás leis que foron saíndo despois da Lei xeral de partidos. Esta cuestión implica un procedemento administrativo que hai que comunicar ao partido político en tempo, e a nós non nos comunicaron esa necesidade de actualización.

Enviaron os avisos a un enderezo que non é o que figura no rexistro de partidos para notificacións, cuestión que sabían, pois tanto antes como despois diso recibimos documentos no enderezo oficial, como por exemplo, a posterior notificación de que nos abrían o proceso contencioso administrativo para a extinción, é dicir, ilegalización. 

O que hai detrás disto son as novas formas do Estado (a dos argumentos administrativos) para  quitar de en medio un problema político como é a existencia de IzCa. O máis kafkiano é que din que IzCa non ten actividade. Por iso estamos a preparar un dossier con todas as informacións que habitualmente recolle a prensa sobre nós, aínda que case sempre escriban para criminalizarnos. Se non tivésemos actividade, non escribirían de nós.  

—Interior tamén lles pon trabas para a creación da Fundación Doris Benegas.
Si, a lexislación estatal, a diferenza da autonómica, exixe termos un patrimonio inicial de 30.000 euros, en cartos ou en valor inmobiliario. Nós achegamos 50% en diñeiro e a outra parte cun inmóbel en Villalar de los Comuneros, onde estará a sede da fundación, localidade en que se desenvolveu a batalla máis importante do norte de Castela na revolución comuneira. 

Mais consideran que ese inmóbel non ten o valor de 16.000 euros que testifica o perito. O que pretenden con isto é atrasar o procedemento de inscrición da fundación porque Doris era moi odiada polo aparato de Estado, debido ao seu compromiso e traxectoria. Tiña todos os elementos para ser unha triunfadora no sistema, empezando polo seu irmán [Txiki Benegas foi dirixente do PSOE a nivel estatal e en Euskadi] e a procedencia familiar, ademais de ser brillante na carreira. O fascismo español non perdoa iso. Na guerra e posguerra reprimiron moito aquelas persoas que podendo ter status burgués se comprometeran coa Fronte Popular. Carnizarías de médicos, profesores... E esa cultura continúa no bloque dominante español. 

A fundación aspira a manter a memoria de Doris, un exemplo de vida e militancia, e a seguir desenvolvendo os eixos nos que loitou: a solidariedade entre os pobos, a loita polos dereitos das mulleres e da infancia e todo o tema relacionado coas pandemias, pois viviu moi intensamente a epidemia da Colza [foi avogada das e dos afectados no caso do aceite da colza].

—Teñen dificultade para explicar a condición nacional de Castela?
A condición nacional de Castela é un proceso como os movementos sísmicos. Tivo unha erupción volcánica coa revolución comuneira, cun magma impresionante que rebentou co proceso de roubo da soberanía de Castela desde o punto de vista político e de dependencia económica. Castela, a comezos do século XVI, era das potencias económicas máis importantes de Europa, cun desenvolvemento téxtil e industrial moi grande.

O Imperio de Carlos V supuxo o primeiro proxecto global capitalista na sua fase mercantil, pondo en contacto Europa, América e África a través da trata de escravos. Curiosamente cando as tropas imperiais estaban a conquistar México tamén estaban a colonizar Castela. Así, a revolución comuneira, esa resistencia ante a imposición imperial en Castela é paralela á resistencia imperial en México. 

O Imperio non respondía aos interese de Castela, senón aos dunha burguesía moi limitada, alta nobreza, aparato militar e desde o punto de vista económico e financeiro beneficiaba Flandres, as súas finanzas e industria. De feito, a liquidación da industria téxtil de Castela supuxo favorecer Flandres. 

A única zona de Castela que tivo beneficio foi Madrid, que se converteu en capital burocrática do Imperio, mais ao tempo descastelanizouse. Hai unha parte de Madrid que se identifica con Castela e a outra é esa parte imperial e reaccionaria. E ese proceso de Madrid incidiu moito na colonización de Castela, como amosa a evolución demográfica. Non foi unha colonización tan cultural, como na Galiza ou Catalunya, pero a nivel económico foi peor que en Catalunya. 

Aquí chegamos á conclusión de que sen Castela en pé é imposíbel que haxa un proceso revolucionario no conxunto do Estado español, e especialmente en Madrid porque iso condiciona todo. 

—Que valoración fan do Goberno estatal e o papel de Podemos?
O Goberno de coalición é a mellor alternativa que ten o réxime para sobrevivir. Se o que está facendo este Goberno o fixese o PP, a xente mobilizaríase moito máis. Cuestións que poderían ser beneficiosas para a clase traballadora e os pobos do Estado non as están a facer: nin derrogan a lei mordaza nin a reforma laboral... 

Sangue, suor e bágoas, a "oferta" do réxime do 78

Ocampo asevera que "o réxime do 78 está estratexicamente acabado". A "segunda restauración borbónica", incide, "está esgotada como estaba nos anos 20 do pasado século" pois "non ten proxecto". Só teñen que ofrecer "sangue, suor e bágoas".

Mais á vez reflexiona sobre por que entón non hai un cambio de réxime. "Os que estamos enfronte interesados en facelo non estamos suficientemente maduros, o proceso está verde, non hai unidade, non hai claridade suficiente... nese sentido esperamos que nos vindeiros 2-3 anos haxa un proceso de clarificación e de articulación de forzas que o permita e nese sentido, para nós, a Unión do Povo Galego (UPG) é unha esperanza moi importante, é das forzas políticas que no Estado, nestes momentos, ten unha claridade maior sobre a situación política e o futuro". 
 

Comentarios