'Luanda Leaks': o escándalo que sacode Angola

Isabel Dos Santos, filla do mandatario angolano entre 1979 e 2017, José Eduardo Dos Santos, está acusada de amasar unha fortuna estimada en máis de 2.000 millóns de dólares sustentándose no espolio e a información privilexiada. Ela deféndese acusando o Goberno do seu país de levar a cabo unha "caza de bruxas".
Até o de agora, Isabel Dos Santos estaba considerada como un modelo de empresaria de éxito, con investimentos en arte ou diamantes.
photo_camera Até o de agora, Isabel Dos Santos estaba considerada como un modelo de empresaria de éxito, con investimentos en arte ou diamantes. (Foto: Nós Diario)

Era un segredo apenas disimulado en Angola que a enorme fortuna de Isabel -a primoxénita de José Eduardo dos Santos, líder plenipotenciario de Angola entre 1979 e 2017- estaba cimentada na corrupción e o tráfico de influencias. 

Estimada en 2.000 millóns de dólares, que poderían ascender até os 4.000 segundo outras fontes, a investigación coñecida como Luanda Leaks e desenvolvida polo Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (CIXI) revela que Isabel Dos Santos chegou a ser a muller máis rica de África de forma ilícita.

As filtracións de 715.000 documentos internos das súas compañías revelan que a filla do ex mandatario angolano obtivo lucrativos contratos na industria petroleira, dos diamantes ou no eido das telecomunicacións, entre outras, durante a presidencia do seu pai, ademais de destapar a axuda de empresas de Portugal e outros países europeos para sacar eses cartos de África.

Esa documentación chegou ás mans do CIXI despois de ser obtida pola Plataforma para Protexer a Denunciantes de África (Pplaaf), a que lle foi entregada polo hacker portugués Rui Pinto, que na actualidade se atopa preso logo de ser extraditado desde Hungría após ser detido polo escándalo coñecido como Football Leaks, que puxo patas arriba o mundo do balompé en 2015 tras destapar múltiples delitos e corruptelas levadas a cabo impunemente polos principais equipos e xogadores de Europa.

Portugal no centro da diana

A documentación á que tivo acceso o Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación comprende un abano de 28 anos, entre 1980 e 2018, nos que se identifican máis de 400 empresas directamente relacionadas con Isabel Dos Santos, incluíndo 155 portuguesas.

Ningún dos principais sectores estratéxicos do país libra dos tentáculos do enorme conglomerado empresarial artellado por Dos Santos, xa sexa o enerxético, o inmobiliario, o financieiro ou o das telecomunicacións.

Galp, Banco BIC Português, Banco BPI, Efacec, Lusitânia, Brisa Autoestradas ou NOS comunicações son algunhas das empresas con sede en territorio portugués incluídas no seu holding.

As autoridades portuguesas, a través do seu organismo de fiscalización das actividades financieiras, xa investigan a Isabel Dos Santos, a quen se acusa de idear un sistema de lavado de diñeiro a través do Banco Eurobic Lisboa, do que é a principal accionista.

Presuntamente, a empresaria desviaría desde o Eurobic a unha off-shore en Dubai máis de 100 millóns de dólares procedentes da petroleira estatal angolana Sonangol, nun caso de corrupción que xa se cobrou unha vida, a de Nuno Ribeiro da Cunha -director de banca privada do Eurobic-, que apareceu aforcado no seu domicilio a pasada semana, aínda que a policía lusa apunta que "non houbo intervención de terceiros".

Mais os intereses de Dos Santos esténdense alén de Angola e Portugal, por máis de 40 países distintos, incluído o Estado español, aínda que se concentran especialmente no ámbito da lusofonía. Así, ademais de en Angola e Portugal, participa en ducias de empresas do Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique ou Santo Tomé e Príncipe.

Na actualidade, Isabel Dos Santos atópase en Portugal preparando a súa defensa para evitar ser extraditada a Angola, onde a xustiza a acusa formalmente de fraude, malversación de fondos, tráfico de influencia, abuso de bens sociais, falsificación de documentos e branqueo de diñeiro.

A filla de José Eduardo Dos Santos nega todas as acusacións, fala de "caza de bruxas" e contraataca o Goberno angolano cunha críptica mensaxe: "Todos temos moito que perder". 

Comentarios