Entrevistamos Floren Aoiz

“Os soberanismos debemos fortalecer os nosos lazos e a nosa cooperación”

Político e escritor, Floren Aoiz (Tafalla, 1966) leva implicado na esquerda abertzale desde moi novo, asumindo diferentes responsabilidades políticas ao longo destes trinta anos. Actualmente é responsábel da Fundación Iratzar, centrada na “reflexión estratéxica”. Eis un extracto da entrevista publicada no número 358 do semanario en papel Sermos Galiza.
f_4_FlorenAoiz
photo_camera [Imaxe: Alberte Mera] Floren Aoiz.

m_4_FlorenAoizA abstención foi a aposta de EH Bildu para a investidura de Pedro Sánchez. Será esa a opción tamén en setembro?

É imposíbel saber o que acontecerá en setembro. EH Bildu decidiu non obstaculizar un goberno de acordo entre PSOE e Unidas Podemos. Esa oportunidade truncouse, mais non polos independentistas vascos e cataláns, senón por outras razóns que teñen a ver coa falla de visión estratéxica de quen se autorepresentan como herdeiros do 15M e, sobre todo, coa determinación dos poderes fácticos de impedir un acordo que precisaba do apoio do independentismo. Por outra banda, teñamos en conta que vén aí a sentenza do “Procés” e iso vai ter, sen dúbida, consecuencias. Ademais, as chiscadelas do PSOE a Cs e PP son clarificadoras. É evidente que o PSOE non quería un goberno que se parecese á interesante experiencia portuguesa. Sexa cal for o escenario de restauración conservadora que finalmente se impoña, tanto para unha maioría institucional de dereita autoritaria, como para unha nova centralidade PSOE‑Cs ou algo parecido, precisan a desmobilización desa gran forza social indignada que irrompeu no Estado nos últimos anos, e niso están. O drama é que os dirixentes de Unidas Podemos, incapaces de ler o que está a suceder, tragaron o anzol e traballan a marchas forzadas na súa autodestrución.

Nun escenario de recentralización e de rearme do discurso unionista, que papel deben de xogar o soberanismo de esquerdas galego, vasco e catalán?

Creo que pode haber algunha confusión co noso papel porque vivimos tempos moi convulsos nos que algúns mapas do pasado non nos serven para gran cousa. Hai quen interpretou que a abstención independentista ante Pedro Sánchez era responsabilidade de Estado, e é verdade, mais non responsabilidade co Estado español, senón responsabilidade cos Estados que aínda non temos mais queremos ter. En absoluto estabamos actuando en termos de gobernabilidade española, esa non é a nosa axenda. Debemos saber ler ben o tempo en que libramos a nosa loita. No ámbito do Estado español hai un refluxo dalgúns dos ciclos de loitas que desencadenou a crise de 2008: o proceso soberanista catalán enfróntase a importantes dificultades e complicacións; en Euskal Herria, o soberanismo de esquerdas consolidouse, mais a mudanza en Nafarroa non se puido repetir; o PNV é cada vez máis conservador… Neste contexto, a liña imperante é, coincidindo coas grandes tendencias a nivel europeo, un desprazamento xeral cara á dereita: privatizacións, recentralización, autoristarismo, novos recortes, democracias cada vez máis precarias.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 358 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa]

Comentarios