A contundente vitoria de López Obrador abre a porta a unha mudanza de réxime en México

Triunfo incontestábel dun candidato que se reclama da esquerda, o líder dunha formación política que non fai parte xenética do establishment do país. 

lopez obrador
photo_camera López Obrador, durante a campaña [Foto: Wikipedia]

Combater a corrupción endémica e a violencia que ten convertido México nunha sorte de narcoestado serán as principais tarefas de Andrés Manuel López Obrador, de 64 anos, cando dentro de cinco meses -a transición é moi longa- asuma a presidencia do país. O líder do Movimento de Rexeneración Nacional MORENA -unha formación feita á súa medida- ten tamén como obxectivo redistribuír a riqueza nun dos países máis desiguais do mundo. "O noso proxecto nacional é facer unha democracia verdadeira", dixo na vitoriosa noite eleitoral nun discurso en que anunciou grandes transformacións mais sempre, esclareceu, desde o respeito á orde constitucional o país.

López Obrador obtivo, segundo as primeiras estimacións, entre 53 e 53,8 por cento dos sufraxios, moi por diante dos seus rivais Ricardo Anaya (entre 22 e 22,8 por cento) e José Antonio Meade (entre 15,7 e 16,3 por cento). Anaya e Meade recoñeceron a súa derrota antes mesmo de seren proclamados os resultados oficiais.

A vitoria do líder de Morena ten unha leitura continental: pon fin ao refluxo da direita (que se fixera consecutivamente con Chile, Arxentina e Brasil) e outorga novas esperanzas á esquerda transformadora, o que sen dúbida constitúe un balón de oxíxeno para a Venezuela de Maduro.

Gañador no seu terceiro asalto á presidencia

Esta é tamén unha historia de resistencia política: López Obrador consegue a presidencia após dous asaltos previos falidos —perdera as eleccións en 2006 e 2012— e faino após demoler un réxime baseado primeiro nun partido único —o PRI— e despois nunha sucesión de formacións herdeiras daquel que abalaban entra a direita e o centro direita.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios