López Obrador rexeita unha suba dos impostos á 'comida chatarra' en México

"Non se pode traficar coa saúde da xente", sostivo, mais puntualizou que "non estou de acordo con iso", en referencia ao proxecto de lei presentado no Senado pola súa formación, Morena. 
EuropaPress_3294783_31_august_2020_mexico_mexico_city_mexican_presidentandres_manuel_lopez
photo_camera O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador (Zuma / dpa / EP)

O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, mostrouse contrario a unha proposta formulada por senadores do seu propio partido, Morena, para aumentar considerabelmente os impostos sobre a 'comida lixo' ou 'comida chatarra', tal e como é coñecida no país. Aposta, porén, por campañas de información e concienciación.

"Non se pode traficar coa saúde da xente", sostivo, mais puntualizou que "non estou de acordo con iso", en referencia á suba impositiva. Recentemente, os lexisladores dos Estados de Tabasco e Oaxaca aprobaron prohibicións deste tipo de produtos para os menores, mentres que varios Estados máis están a sopesar medidas enérxicas. O coronavirus veu a revelar o alcance das enfermidades relacionadas coa obesidade, como a presión arterial alta e a diabetes.

López Obrador e o subsecretario de Saúde, Hugo López-Gatell, dixeron que as malas dietas contribuíron a exacerbar o surto en México, un dos países máis afectados pola pandemia da Covid.

Impacto nos máis pobres

O proxecto de lei, proposto polo senador Salomón Jara, exixiría ademais unha proba de idade para comprar a 'comida lixo' e prohibiría a súa venda dentro das escolas. Jara, do Estado sureño de Oaxaca, cre que López Obrador está preocupado polo impacto dos impostos máis altos nos pobres, mais insiste en que as empresas deben ofrecer alternativas máis saudábeis.

"O noso obxectivo non é aumentar o imposto só por subilo. O noso obxectivo é que a industria cambie o contido nutricional da comida chatarra", subliñou.

Morena e os aliados de López Obrador teñen maioría nas dúas cámaras do Congreso mexicano.

Comentarios