López Obrador defende o convenio para a contratación de 500 médicos cubanos

O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, defendeu a súa decisión de contratar 500 médicos cubanos para cubrir as rexións máis periféricas do país, ante o rexeitamento de asociacións do gremio que o consideran discriminatorio. 
Andrés Manuel López Obrador, presidente de México, explicou os detalles do convenio sanitario asinado con Cuba. (Foto: Luis Barron / eyepix via ZUMA Pres / DPA)
photo_camera Andrés Manuel López Obrador, presidente de México, explicou os detalles do convenio sanitario asinado con Cuba. (Foto: Luis Barron / eyepix via ZUMA Pres / DPA)

Andrés Manuel López Obrador, xefe do Executivo mexicano, vén de xustificar a súa decisión de asinar un convenio con Cuba para a contratación de 500 profesionais da Medicina. O gobernante indicou que México ten un déficit duns 50.000 profesionais médicos xerais e especialistas, e que moitos deles se resisten a ser asignados a zonas afastadas ou de difícil acceso. A decisión foi criticada por parte de asociacións médicas do país, que consideraron que supón un trato discriminatorio para os profesionais mexicanos.

Estas asociacións rexeitan que o Goberno acuda a estes doutores por considerar que con iso "relégase de maneira inxusta" a profesionais do país. "Estes médicos estranxeiros non reúnen as competencias requiridas, non teñen funcións debidamente especificadas, non contan cos requisitos estabelecidos polas leis vixentes", manifestaron recentemente nun comunicado diversas federacións, asociacións e colexios médicos de México.

O mandatario mexicano descualificou esas declaracións por considerar que os seus autores defenderon no pasado un sistema de corrupción que converteu o estudo do medicamento e o acceso á saúde nun privilexio para poucas persoas. Ademais,  insistiu en que o país non conta con eses profesionais debido a que o “sistema de corrupción” de anteriores Gobernos deixou de investir en saúde e educación.

“Cal é o compromiso que nós temos? Garantir o dereito á saúde. A eses médicos (que se opoñen ao convenio con Cuba) conservadores e os seus patrocinadores, aos donos de laboratorios e ás grandes clínicas privadas non lles gusta a gratuidade na saúde, porque eles consideran que a saúde é un privilexio, que poida ser atendido o que ten diñeiro para pagar un hospital, os medicamentos, os estudos clínicos. E non, a saúde é un dereito", defendeu.

López Obrador solicitou a contratación destes médicos ao seu homólogo cubano, Miguel Díaz-Canel, durante unha visita á Habana o pasado 8 de maio, na que tamén se acordou comprar á illa vacinas pediátricas contra a Covid. As autoridades mexicanas xa empregaran un número similar de profesionais cubanos en 2020 para atender a pandemia do coronavirus.

Segundo dixo, os médicos cubanos serán enviados a zonas como Tlapa, municipio do estado de Guerrero, no sur de México, considerado como un dos máis empobrecidos do Estado. López Obrador lembrou que, como parte do proxecto para instalar centros de rehabilitación para crianzas con discapacidade da Fundación Teletón, el mesmo propuxo construír o próximo deses espazos en Tlapa,   e que, tempo despois, a fundación informouno de que non había forma de levar o centro a esa zona debido a que os doutores non desexaban ser destinados para traballar a esta zona.

O presidente de México tamén aludiu á situación da sanidade noutras zonas do Estado mexicano: “Cando empezou o Goberno fixen un percorrido polos 80 hospitais do Instituto Mexicano do Seguro Social, que eran e seguen sendo do mellor, fun aos tres hospitais de Iucatán e en ningún había pediatras, e así segue. Entón estamos a contratar a todos os médicos (de México), mais como xa sabemos que non imos ter para cubrir toda a rede de centros de saúde, de unidades médicas rurais, de hospitais, pois por iso xa estamos a facer este convenio de traer 500 médicos cubanos”.

Os EUA deciden aliviar as sancións contra Cuba

Por outra parte, Estados Unidos de América (EUA) informaron de que restabelecerán os voos comerciais a Cuba, alén dos que xa tiñan lugar con destino á Habana. Tamén anunciaron o aumento dos servizos consulares e o procesamento de visas e remesas a cidadáns de Cuba. Estas medidas reverten algunhas das máis de 240 sancións impostas durante a Administración Trump.

"Os anuncios non modifican en absoluto o bloqueo, nin as medidas principais de cerco económico tomadas por Trump, como as listaxes de entidades que están sometidas a medidas coercitivas adicionais, nin elimina as prohibicións ás viaxes de cidadáns dos EUA ao noso país", subliñou o Ministerio de Exteriores cubano.

Comentarios