López Obrador apelou ao "humanismo" de Trump para que indultase a Assange

Publicada a carta que o presidente mexicano enviou ao estadounidense.
EuropaPress_3227093_handout_08_july_2020_us_washington_mexican_president_andres_manuel_lopez
photo_camera López Obrador, fronte a Trump, na visita do mexicano á Casa Branca o 8 de xullo de 2020 (Foto: Shealah Craighead / Casa Branca)

O Goberno mexicano deu a coñecer esta terza feira a carta enviada polo presidente Andrés Manuel López Obrador, en decembro de 2020, ao seu entón homólogo estadounidense, Donald Trump, para pedirlle a exoneración de Julian Assange.

"Permítome apelar ao seu humanismo, á cordialidade e ao respecto que caracterizaron a relación entre nós e á súa actitude de amizade para con México", inicia a misiva datada o 23 de decembro de 2020.

López Obrador tamén avisou a Trump que, de acceder ao indulto, México acollería o xornalista australiano en calidade de refuxiado, e comprometeuse a que se garantiría que desa situación non se derivase ameaza ou afectación algunha aos intereses de Estados Unidos.

"Assange está doente e sería unha mostra de solidariedade, de fraternidade, permitirlle recibir asilo no país", apunta.

Unha preocupación na que incide: "Na súa reclusión en Londres, a saúde do señor Assange deteriorouse severamente e atópase en risco real de morrer en prisión. [...] Na miña opinión, aínda que actúe de maneira equivocada, é unha persoa movida por ideais e principios, e penso que por ese feito debe ser merecedor de compaixón".

Non é a primeira vez que o mandatario mexicano ofrece asilo ao fundador de WikiLeaks. Xa o fixo en xaneiro de 2020. O ministro de Exteriores mexicano, Marcelo Ebrard, confirmou tamén esta terza feira que México mantén contactos cos avogados de Assange.

Luz verde á extradición

O xornalista está en prisión preventiva nun cárcere de Londres á espera da súa posíbel extradición aos EUA, autorizada pola Xustiza británica o 10 de decembro. Alí será xulgado por cargos de "espionaxe".

Comentarios