Londres responde ao avanzo independentista ofrecendo maior autonomía para Escocia

Após a sondaxe publicada por The Sunday Times o Reino Unido reaxiu propondo unha terceira vía: "ter o mellor dos dous mundos" coa que tenta frear os apoios á independencia. 

Yes Scotland
photo_camera [Imaxe Yes Scotland]

A dez días do desenvolvemento do referendo de autodeterminación, os inquéritos sitúanse favorábeis á campaña independentista. Após a publicación no xornal The Sunday Times dunha enquisa que sitúa o apoio á campaña polo 'Si' no 51%, desde o goberno de David Cameron saíron ao paso para tentar reverter a queda do unionismo. 

Neste senso, o ministro de Economía británico, George Osborne, propuxo máis autonomía política e fiscal para que Escocia teña "o mellor dos dous mundos", dixo, e así "evitar o risco da separación" ao tempo que fozarían dun "maior control sobre o seu propio destino". 

Alex Saldmon ve na proposta un intento de "soborno" que "non lles funcionará"

Así, Osbore avanzou através da BBC que "nos vindeiros días" Escocia coñecerá o "plan de acción" que preparan para lle dar "máis poderes". Londres chamaría así a unha 'terceira vía' que foi rexeitada en anteriores ocasións co que lle outorgaren un novo estatus político ao pobo escocés mais sempre que este decida ficar no Reino Unido. 

"Queren facernos crer que, despois de que milleiros de persoas emitisen o seu voto por correo, hai un novo pacto?", retrucou o primeiro ministro escocés, Alex Salmond, quen ve nas declaracións de Osborne unha "medida de pánico" e unha "chantaxe" fronte o terreo gañado pola campaña Yes Scotland. Para @s independentistas o momento que están a vivir e a oportunidade xerada o 18 de setembro é "única" e podería non se repetir "polo menos nun par de xeracións" polo que chaman a apoiar a independencia de Escocia. 

Londres asegura que "non" partillará a libra "cunha Escocia independente"

A libra no centro do debate

O medo en Westminster a que finalmente o pobo escocés decida independizarse fíxose notar tamén no sector financeiro --un dos indicadores que exercen maior presión política sobre gobernos como o de Cameron. E é que a libra e a bolsa de Londres continúan caendo perante a incertidume do que acontecerá o vindeiro 18 de setembro e unha posíbel saída de Escocia. 

As inquedanzas económicas continúan a ser a idea forza na campaña unionista que apela á suposta inestabilidade que suporía a vitoria do 'Si' para desmobilizar. "Non haberá condicións, simplemente non partillaremos a libra cunha Escocia independente", salientou Osborne, mais para o Scotish National Party (SNP) e as demais forzas soberanistas tanto a terceira vía anunciada como as ameazas de quebra económica visan "sobornarnos" mais, aclaran, "non funcionará porque non lles queda credibilidade". 

Comentarios