Londres, a cidade imparábel

A nosa colaboradora María Sabarís, residente en Londres, cóntanos como a capital británica metabolizou o atentado desta terza feira.

 

London
photo_camera O Támesis e ao seu pé o Palacio de Westminster

Xente correndo e cruzando os pasos de pións despreocupadamente en vermello. Bicicletas que fan malabares entre os coches a primeira hora da mañán. Sereas de polícia, ambulancias ou bombeiros e ruídos de helicópteros a calquera hora do día. A normalidade máis palpábel de Londres é esta. E estes días é, con todo, unha realidade macabra ao pensar que foi precisamente un coche o que o martes sementou o pánico no lugar máis seguro de Londres, a praza do Parlamento en Westminster. Se calquera pasea por Londres hoxe ou mesmo onte a palabra que predomina sobre todas é precisamente “normalidade”. Non se aprecia especial preocupación ou especial medo nos cidadáns londinenses, seguen coa súa vida nunha cidade na que pouco tempo hai para a pausa e na que os 'problemas' solucióanse rápido para que a cidade non se colapse.

Na tarde do ataque, dúas horas despois, sen aínda moitas cousas claras, unha compañeira, nada en Londres, ao lle preguntar polo que sucedera comentábame sen moito estupor "ah yes, another crazy guy" -ah si, outro tolo máis-. A xente non semellaba especialmente preocupada polo feito, non se botaron a encender a BBC en masa e o tema non entrou a formar parte das conversacións despreocupadas de calquera oficina, como si sucedeu masivamente, por exemplo, o día despois ao Brexit. E é que así o ve a maioría dos londinense, como outro crimen máis dos que suceden de cando en cando na cidade, “xente imprevisible que fai cousas imprevisibles”. Algo similar a cando no 2013 dous homes asasinaron un militar británico nun barrio do sur de Londres ou o ano pasado un home quitoulle a vida á deputada laborista Jo Cox no norte do páis durante a campaña electoral do Brexit.

Unha compañeira, nada en Londres, ao lle preguntar polo que sucedera comentábame sen moito estupor "ah yes, another crazy guy" -ah si, outro tolo máis

O enfoque cambia desde a visión dun estranxeiro vivindo en Londres, sobre todo os que levan pouco tempo. Por un lado, abraia a naturalidade coa que a xente vive a súa vida despois dun feito como este, no que sentes a ameaza tan perto. Pero, por outro lado, é moita a xente que vive preocupada despois do sucedido o martes e falan do tema con reservas e medo. "Life is like that here and we have to cope with that" -a vida é así aquí e temos que lidar con iso-, esa é unhas das frases que escoitei no meu entorno, explicando que o feito de que estas cousas pasen nunha cidade tan poboada coma Londres entra dentro da 'normalidade'. Ao pasear polas inmediacións do Parlamento e a ponte de Westminster o xoves, aberta xa o propio mércores pero con restriccions, nótase un aumento da presenza de policia -e xornalistas maiormente-, tamén nas estacións veciñas como Waterloo ou Vitoria pero á xente voltou rápido a ocupar os espazos que o mércores quedaron baleiros por unhas horas. Precisamente, o feito que o ataque fora no lugar máis seguro de Londres fai que a xente se sinta segura e, sobre todo, pola rápida e coordinada actuación das forzas de seguridade.

Así o ve a maioría dos londinense, como outro crime máis dos que suceden de cando en cando na cidade, “xente imprevisible que fai cousas imprevisibles”

A Londres gústalle a súa diversidade, deféndea e mesmo nestas circunstancias pona no primeiro lugar na súa escala de valores. Aquí non hai culpas nin acusacións infundadas. Un crime cometido por unha persoa seguramente inestable mentalmente vén sendo a conclusión do sucedido. A diversidade da que presume a cidade convértea, coas súas imperfeccións, probablemente nunha das máis toleranes e integradoras, a diferenza do que sucede, por exemplo en París. “A nosa cidade é unha das máis seguras do mundo e o terrorismo non nos intimidará xamais”, foron as verbas do alcalde de Londres, Sadiq Khan, na noite do mércores, o principal representante desa diversidade sendo o primeiro alcalde musulmán da cidade. “Alzámonos xuntos e sen medo en defensa dos nosos valores e o noso modo de vida”, dixo onte (xoves) pola noite en Trafalgar Square onde milleiros de londineses se reuniron para homenaxear as victimas do ataque, entre elas a Aysha Frade, de orixe galega.

Comentarios