Londres e Bruxelas deciden continuar as negociacións polo Brexit

A ruptura, prevista para esta fin de semana cando rematara o prazo que se deron Boris Johnson e Ursula Von der Leyen, non chegou e haberá un "tempo extra" para evitar que non haxa acordo comercial.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen (Etienne Ansotte / Pool Council Via / DPA)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen (Etienne Ansotte / Pool Council Via / DPA)

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, anunciaron este domingo que as negociacións para o acordo comercial post-Brexit continúen e non rematen este día, tal e como estaba previsto.

O anuncio de límite para as negociacións este domingo, realizado a pasada cuarta feira, chegara a temer por unha saída sen acordo. Os puntos que impiden avanzar na negociación son as normas sobre competencia, o acceso da flota pesqueira europea a augas británicas e os mecanismos de arbitraxe en caso de disputa.

A pandemia da Covid-19 paralizou as conversas mais tamén a resolución dunha situación que preocupa moito desde que comezou a ser efectivo o Brexit o pasado 24 de xaneiro.

As últimas declaracións en rolda de prensa de Johnson e Von der Leyen apuntaban a un final de ruptura brusco e sen ningún tipo de control. Este mesmo domingo o xornal británico The Sunday Telegraph aseguraba que os ministros do gabinete de Johnson estaban elaborando un paquete de rescate de miles de millóns para reforzar as industrias máis afectadas por un Brexit sen acordo. 

Pola súa parte, a Comisión Europea tamén fixo pública a súa intención de contar con plans de emerxencia caso de que non se chegara a un acordo.

Esta segunda feira 13 de decembro o negociador xefe da Unión Europea (UE) informará aos Estados membros de como están as negociacións e posteriormente reunirase a comisión do Brexit tamén para explicar como continuarán esta semana.

O BNG reclama “información clara”

Este sábado a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, demandaron “información clara” sobre a situación na que quedarían as galegas e os galegas residentes en Irlanda e Gran Bretaña no caso de que non se produza un acordo sobre o Brexit.

A vixencia da tarxeta sanitaria europea, os recoñecementos de diferentes prestacións por incapacidade (maternidade, paternidade, xubilación) e a preocupación polo retorno e as posibilidades de reinserción na sociedade galega son algúns dos problemas sobre os que a formación nacionalista demandou “información clara”. Foron os temas que lles transmitiron desde a asemblea do BNG nas Illas Británicas nunha reunión telemática.

Comentarios