Llarena renuncia á extradición de Puigdemont após ser limitada por Alemaña ao delito de malversación

De ter aceptado a entrega do ex president nos termos fixados polo tribunal de Schleswig-Holstein, Puigdemont non podería ser xulgado por rebelión, o que a ollos de Llarena tería sido inxusto para os presos soberanistas, a comezar por Oriol Junqueras, que cumpren prisión preventiva en cadeas no estado español.

Puigdemont esta semana en Bruxelas. Foto NacióDigital
photo_camera Puigdemont esta semana en Bruxelas. Foto NacióDigital

Puigdemont poderá ficar libremente en Alemaña porque o instrutor da súa causa —que lle atribúe delitos de rebelión, sedición e malversación de fondos— non acepta que o político independentista sexa extraditado só para ser xulgado polo suposto desvío de diñeiro público para a financiación do 1 de outubro.

O tribunal de Schleswig-Holstein entende que nada na actuación de Puigdemont habilita o seu axuízamento nen por sedición nen por rebelión, dado que en ningún momento se prevaleu da violencia na organización e desenvolvimento do referendo de autodeterminación.

Ao mesmo tempo, Llarena retira a euro-orde que pesaba sobre Puigdemont e o resto de dirixentes soberanistas no exilio —Toni Comín, Meritxell Serret, Lluis Puig, Clara Ponsatí Marta Rovira—, o que dá liberdade de movimento ao ex president por todo o continente. Só fica vixente a orde de detención nacional, isto é, Puigdemont seria arrestado se pisase solo español (nese caso sería xulgado por todos os cargos que lle imputa o maxistrado do Tribunal Supremo).

Se Puigdemont tivese sido extraditado de acordo coas condicións estabelecidas polo tribunal de Schleswig-Holstein, teríase dado a circunstancia de que Llarena o xulgaría só por malversación, en tanto que, por exemplo, Oriol Junqueras sería procesado por ese delito e tamén polos de rebelión e sedición. A ollos do xuíz, iso introduciría unha discriminación negativa para os presos recluídos no estado e significaría premiar a fuxida de Puigdemont, primeiro a terras belgas, logo a alemás.

Nota de corrección: na versión orixinal desta información consignábase erroneamente que Junqueras e os demais presos soberanistas cumprían condenas en cadeas españolas. En realidade, aínda non foron condenados. A súa é unha prisión en réxime preventivo.

Comentarios