Unha liorta entre partidarios e detractores obriga a suspender un mitin de Donald Trump

Donald Trump non foi o protagonista do seu último acto de campaña. Fórono a violencia e o caos provocado por unha gran liorta entre partidarios e detractores do polémico republicano que quere aspirar á Casa Branca.

saulocorona
photo_camera [Imaxe: @saulocoruna]

Na noite desta sexta feira tivo lugar unha estampa inédita nas campañas das eleccións primarias norteamericanas. O último mitin de Donald Trump tivo que ser suspendido polos enfrontamentos entre partidarios do republicano e as persoas que se manifestaban na súa contra. Así, a Universidade de Illinois (Chicago) converteuse en escena dunha gran liorta entre os acólitos de Trump e os seus detractores, que protestaban polas declaracións racistas do aspirante republicano.

Nas últimas semanas incrementáronse os actos violentos impulsados por participantes nos mitins de Trump. Hai quen ve nestas liortas o reflexo da polarización provocado polas palabras reaccionarias do magnate norteamericano. O gobernador de Ohio John Kasih apuntou a respeito dos feitos da noite da sexta feira que “as sementes da división que Donald Trump sementou durante toda a campaña finalmente deron os seus froitos”.

Nos actos de campaña de Trump téñense producido expulsións de manifestantes que protestan diante dos discursos retrógados do candidato. O propio Trump chegou a afirmar que golpearía na cara a quen o interrompese. Aínda na quinta feira, o estadounidense admitiu que os seus seguidores son moi apaixonados.

Comentarios