A lingua occitana perde falantes mais non o vigor

En dez anos retrocede 4 puntos mais as novas xeracións interésanse
Occitano

A Enquisa Sociolingüística de 2020 sobre o coñecemento e uso da lingua occitana pola Oficina Pública da Lingua Occitana (OPLO) nos territorios de Nova Aquitania, Occitania e o Val do Arán revela que o 7% da poboación declara falar occitano sen dificultade e que é quen de manter unha conversa sinxela nesta lingua". 

Trátase dun retroceso de entre 3 e 4 puntos en comparación coa enquisa realizada hai dez anos que, como recordan os autores do traballo, sitúa o occitano "en grave perigo de extinción", de aplicar os criterios da Unesco. 

Zonas

O 47% entende parcialmente o idioma e o 15% enténdeo pero non o fala. Estes datos non impiden que haxa unha demanda real do idioma: en Aurinhac 90 dos 192 estudantes escolleron a opción de occitano e as calandretas (escolas de inmersión en occitano) de Périgueux e Bergerachan viron neste curso un aumento da demanda.

A Enquisa Sociolingüística 2020, realizada nesta edición a 8.000 persoas nun territorio de máis de 600.000 habitantes, mostra unha gran disparidade na porcentaxe de falantes de occitano segundo os territorios, que vai dende o 2% dos lugares altamente urbanizados como o Alto Garona, a Xironda e o Herau ata o 22% dos territorios pouco poboados como Charanta e Losera e o 62% das persoas que saben falalo no Val do Arán.

O falante típico é un home duns sesenta anos que vive nun ambiente rural e a transmisión da lingua faise, sobre todo, a través da familia. Segundo o estudo, a transmisión interxeracional é moi feble, pero aumentou en 9 puntos nos últimos anos, o que suxire que cada vez hai menos "vergoña de falar ‘patu’ [nome despectivo dado ás chamadas ‘linguas rexionais’ en Francia]" e unha maior consideración social da linguaxe, apunta o estudo.

Falantes

Con case 542.000 falantes maiores de quince anos en Nova Aquitania, Occitania e Aran, o 92% dos enquisados manifesta o desexo de que o occitano se conserve e se desenvolva. 

O 43% afirma entender o idioma, aínda que sexa pouco, e o 81% quere que se ensine desde a escola infantil ata o bacharelato. "A educación é un factor esencial no desenvolvemento da lingua occitana, desde a educación infantil ata a secundaria e a universidade", dixo Charline Claveau, presidenta da OPLO, no estudo. "Unha lingua viva é, sobre todo, unha lingua que se transmite", engade.

Porén, o occitano fálase principalmente na esfera privada (79%) ena prensa apenas figura nas seccións de local, iso si, cun aumento significativo en Internet e nas redes sociais.

Comentarios