Limitar dereitos en nome da 'seguridade'

François Hollande propón unha reforma constitucional e legal após os ataques de Paris. Polonia fecha as fronteiras ás persoas refuxiadas e o Estado español afía o pacto antiterrorista suscrito logo do atentado en Charlie Hebdo

Police_Globovision
photo_camera [Imaxe Globovision]

Após os ataques decorridos en Paris o 13 de novembro nos que foron asasinadas 126 persoas o goberno francés adoptou dúas decisións. A primeira, bombardear a cidade de Raqqa en Siria e intensificar a súa intervención militar no país, iniciada o 27 de setembro e pola cal o ISIS --segundo afirmaron no comunicado co que foron reivindicados os atentados de París-- situou Francia entre os seus obxectivos. 

A segunda, iniciar un proceso de mudanzas lexislativas para garantir a "seguridade nacional" logo de asegurar que "Francia está en guerra". A comezar pola reforma da Constitución, no concreto o artigo 36 que regula o estado de alarma e de sitio en casos de perigo inminente, insurrección ou ataque estranxeiro e, o 16, que outorga competencias excepcionais ao presidente en caso de que "as institucións da República, a independencia da nación, a integridade do seu territorio ou o cumprimento dos seus compromisos internacionais estexan ameazados". Segundo afirmou o presidente perante a Asemblea da República e o Senado, estes "non están adaptados á situación na que nos atopamos".

Durante o estado de alarma a policía pode practicar rexistros domiciliarios e detencións contra calquera persoa sospeitosa de terrorismo

Unha situación marcada, dixo, por unha "guerra" que exixe "un réxime constitucional que permita xerir o estado de crise". Esta mudanza na Constitución só será posíbel por dúas vías, un referendo ou o apoio de 3/5 da Asemblea da República. Hollande opta pola segunda e previsibelmente conte co apoio do grupo de Nicolás Sarcozy o que lle permitiría aprobar a reforma de maneira folgada. 

Retirar a nacionalidade e expulsións

Para alén disto, o François Hollande propuxo retirar a nacionalidade francesa a aquelas persoas acusadas de "terrorismo" mesmo se naceron en Francia, sempre que conten con unha outra nacionalidade. "Non podemos tornar ninguén apátrida, mais debemos poder [retirar a nacionalidade] a persoas condenadas por actos de terrorismo mesmo se son nados en Francia" sempre que teñan "outra nacionalidade", defendeu. 

Aliás, o Elíseo prevé contar con capacidade para expulsar persoas extranxeiras que seixan consideradas como "unha ameaza" para a "seguridade" nacional. 

Máis policía e control fronteirizo

Asemade, François Hollande avanzou a súa vontade de "reforzar substancialmente os medios dos que dispón a xustiza e as forzas de seguridade", nomeadamente aqueles dirixidos á "loita antiterrorista" que han contar, dixo, "con todos os medios e as novas tecnoloxías". No concreto creará en 2016 5 mil policías e xendarmes, mil postos en aduanas, 2.500 postos suplementarios na "administración penitenciaria" e "servizos xudiciais". Ningunha redución de efectivos militares até 2019 e mobilización de reservistas. 

Hollande quere recuperar o control das fronteiras exteriores e Polonia anuncia que non acollerá refuxiad@s

Aliás, o presidente francés lanzou un chamamento a recuperar o control das fronteiras exteriores perante a crise de persoas refuxiadas ás que vencellou directamente coa guerra "en Siria e Iraq". A vontade de Hollande é ter capacidade para acoller as "vítimas" da guerra mais as que non o sexan, asegurou, ter capacidade para as deportar. Após os atentados do 13 de novembro en París, países como Polonia e máis de 20 estados dos EUA, como Massachusetts, anunciaron que non darán asilo a refuxiad@s. 

Coligazón unitaria internacional 

Francia tamén lanzou un chamamento á "comunidade internacional" a se unir nunha "coligazón" para combater o ISIS. Até o momento só EUA e Francia están a lanzar bombardeos en territorio sirio, para alén da operación despregada por Rusia de maneira coordenada co goberno de Bashard Al -Assad e a loita que no Curdistán sirio manteñen as combatentes do PKK. 

Neste senso, solicitará que o Consello de Seguridade das Nacións Unidas --cuxa presidencia recae no goberno español-- tome posición contra o "terrorismo" e instou os Estados membros da UE a se sumaren á loita contra o ISIS. Polo de agora, a resposta foi morna por parte dalgúns executivos como o español que non aclararon se farán parte dunha operación militar internacional. 

O que si anunciou o goberno de Mariano Rajoy foi a abertura do pacto antijihadista asinado por PP e PSOE após o ataque á publicación Charlie Hebdo no que foron asasinados 12 persoas. Un pacto ao que quere sumarse Ciudadanos e que, na altura, intoducíu no Código Penal español a prisión permanente revisábel, unha cadea perpetua encuberta. 

Na "unidade" contra o "terrorismo", dixo Rajoy, "é mellor pecar por exceso que por defecto". 

Comentarios