Os líderes do G7 ultiman novas sancións para "asfixiar Rusia"

Protestas antiimperialistas rodearon a cimeira.
Meloni, Trudeau, Macron, Kishida, Biden, Scholz e Sunak, esta sexta feira en Hiroshima. (Foto: Michael Kappeler / Dpa)
photo_camera Meloni, Trudeau, Macron, Kishida, Biden, Scholz e Sunak, esta sexta feira en Hiroshima. (Foto: Michael Kappeler / Dpa)

Líderes do G7 –Estados Unidos, Alemaña, o Reino Unido, Francia, Italia, o Canadá e o Xapón–, anunciaron esta sexta feira desde a cimeira que acolle a cidade nipona de Hiroshima os preparativos de novas sancións destinadas a "asfixiar a maquinaria de guerra rusa" e fechar os baleiros legais que permitiron que persoas e entidades rusas evadiran as sancións internacionais, entre outros aspectos. 

"Imos ampliar as nosas accións para garantir que as exportacións de artigos esenciais para Rusia e a súa guerra de agresión, incluídos os que emprega no campo de batalla, fiquen restrinxidos en todo o mundo", reza o comunicado de apertura do G7 no inicio do cumio. Así, o G7 prestará unha atención especial neste sentido aos sectores directamente asociados coa industria do armamento –produción, construción, transporte e servizos comerciais–.

Os líderes mundiais tamén centrarán as súas miras naquelas entidades que transportan material á fronte ucraína, caracterizadas moitas delas por eludir as sancións actuais. Ademais, os xefes de Estado reiteraron un chamamento a terceiros "para que deixen de brindar apoio material á agresión de Rusia de inmediato ou enfronten custos severos". 

De igual maneira, comprometéronse a dobrar os esforzos "para garantir que Rusia pague pola reconstrución a longo prazo de Ucraína" e para que os responsábeis do Goberno ruso rendan contas, co presidente Vladimir Putin á cabeza.

Protestas

Cercados por un estreito círculo policial, centos de manifestantes saíron esta sexta feira ás rúas de Hiroshima para protestar contra a xuntanza dos líderes do G7, nun cumio de tres días e que prevé a asistencia do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski. 

Nas pancartas que portaban podíanse ler mensaxes como "Non ao cumio imperialista do G7!" ou "Non á guerra nuclear!". O xefe do comité executivo da manifestación 'Hiroshima contra a Guerra Atómica', Ryo Miyahara, asegurou que "arredor de 350 persoas reuníronse hoxe [por esta sexta feira]. Lanzamos a acción onte [pola quinta] e continuaremos todos os días". 

Comentarios