Líderes da UE advirten a Atenas que o "non" no referendo equivale a saír do euro

Intensifícase a presión sobre Grecia nas vésperas do referendo, a realizarse este 5 de xullo. Matteo Renzi, primeiro ministro italiano, dixo que a partida se xoga entre "o euro e o dracma [antiga moeda grega]". 

Tsipras referendo
photo_camera [FOTO @primeministerGR]

O referendo non consiste en dicer si ou non a unha proposta concreta da Unión Europea, senón que envolve un pronunciamento sen marcha atrás sobre a permanencia ou non na eurozona. Esta mensaxe, moi clara, é coa que están a bombardear os distintos líderes da UE a opinión pública grega, coa intención de condicionar o seu sentido de voto no referendo do domingo. Os primeiros inquéritos coñecidos apuntan a que o SI ás propostas da UE podería acabar impoñéndose na consulta popular, o que significaría unha dura derrota política para Tsipras.

Esta segunda feira pronunciouse tamén a dirixente máis influente da UE, a chanceler alemá Angela Merkel. A política democrata-cristiá, nunha reunión co grupo parlamentar da CDU, manifestou que o seu goberno está disposto a re-abrir as negociacións con Atenas, mais sempre despois do referendo. En Berlín a impresión é que Tsipras podería perder a consulta e, consecuentemente, verse obrigado a convocar eleccións antecipadas. Ese escenario debilitaría extraordinariamente as hipóteses de Grecia nas conversas coa Comisión Europea.

Franza, en troca, si mostra disposición a negociar antes do referendo, visando condicionar a posición de Tsipras. Hollande preme para que haxa algunhas concesións -accedendo inclusive a unha reestruturación da débeda- que permitise ao líder de Syriza salvar a cara perante a súa freguesía, frear a acometida da súa oposición interna e acabar demandando un voto afirmativo no referendo do domingo.

A diferenza de Alemaña, Franza si mostra disposición a negociar antes do referendo, visando condicionar a posición de Tsipras

Hollande filtrou á imprensa unha conversa telefónica esta mesma tarde con Barack Obama para reforzar a súa posición a prol dunha negociación con Tsipras antes do referendo.

As próximas horas permitirán esclarecer se prevalece a postura alemá ou se abre paso a vía francesa. A historia recente indica que é máis probábel que Merkel sexa quen marque o paso da posición comunitaria.

Dentro do bipartidismo sistémico no conxunto da UE, a converxencia entre conservadores e socialdemócratas face o referendo grego é absoluta. Destarte, o presidente do Parlamento europeu, Martin Schulz, do SPD alemán, recalcou esta segunda feira que os gregos decidirán o domingo co seu voto se o país permanece ou non na zona euro.

Dentro do bipartidismo sistémico no conxunto da UE, a converxencia entre conservadores e socialdemócratas face o referendo grego é absoluta

Non só utiliza o pau -o medo- a UE para tentar condicionar o voto do pobo heleno, tamén hai cenouras: as propostas da Comisión, o Banco Central e o Fundo Monetario Internacional que Tsipras quixera ver rexeitadas este domingo "significan", dixo Schulz, "que máis de 30 mil millóns de euros van ser pagos a Grecia para investimento e loita contra o desemprego xuvenil".

O texto da pergunta

Tamén esta segunda feira, a primeira hora da tarde, trascendeu o contido literal da pergunta que as gregas e os gregos irán contestar no referendo. É o seguinte:

"Debe a proposta que foi sometida pola Comisión Europea, o Banco Central Europeu e o Fundo Monetario Internacional no Eurogrupo do 25 de xuño de 2015, que consiste en dúas partes que, en conxunto, constitúen a súa proposta global, ser aceitada".

Na papeleta o NON -a opción que defende o executivo de Tsipras- aparece por cima do SI.

Comentarios