Os líderes da dereita española enchen Colón mais evitan a foto

Unhas 25.000 persoas, segundo a Delegación do Goberno en Madrid, ateigaron a praza de Colón da capital española para protestar contra os indultos aos políticos detidos polo 'procés'.
A praza de Colón completou a súa capacidade (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera A praza de Colón completou a súa capacidade (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

Unhas 25.000 persoas ─126.000 segundo a Policía Municipal de Madrid─ concéntranse este mediodía na Praza de Colón de Madrid, até completar o aforo, para amosar o seu rexeitamento contra a concesión de indultos aos políticos condenados polo 'procés'. Nela estaban os representantes das tres formacións da dereita política española, Vox, Partido Popular e Ciudadanos, mais desta vez non quixeron repetir a foto conxunta.

Unha das ausencias máis sonadas foi a do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que, igual que fixeron outros varóns populares, argumentou motivos de axenda para non asistir. No seu lugar foi Miguel Tellado, número dous do PPdeG.

A concentración, convocada pola plataforma Unión 78, estaba previsto que comezase ás 12horas, pero finalmente tívose que atrasar case unha hora debido a dificultades técnicas. Tamén tivo dificultades, loxísticas desta vez, a presidenta de Ciudadanos, Inés Arrimadas, para acceder á praza pola multitude de persoas que se achegaron até alí.

Segundo os promotores, trátase dunha concentración "transversal" onde persoas con "ideoloxías distintas", tamén "moitísimas" que votaron ao PSOE, mostraranse "unidas en defensa do común". "Aí todos temos o mesmo carné" e "somos españois, defendemos a democracia e a Constitución" ademais da "unidade da nación española", en palabras da expresidenta de UPyD, Rosa Díez. No escenario de  Colón non se prevé que haxa representantes políticos senón só membros de Unión 78, segundo fontes da plataforma convocante.

Esta protesta prodúcese uns días despois de que o xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, pedise desde Arxentina "compresión e  magnanimidade" á sociedade española en defensa dos indultos e subliñase que, aínda que entende "os reparos", o "obxectivo merece a pena" porque hai que dar pasos na "distensión da convivencia".

Con todo, PP, Cs e Vox rexeitan os argumentos do Executivo estatal e consideran que hai mesmo "máis motivos" para manifestarse,  máxime cando se coñeceu que a Garda Civil interveu en outubro de 2020 a folla de roteiro de ERC para forzar os indultos e reactivar a vía unilateral, algo que cuestionaría a suposta renuncia á unilateralidad expresada por carta hai uns días polo dirixente de ERC Oriol Junqueras.

Comentarios