Podemos-Uruguai descúlpase por ter equiparado "galego" e "paleto"

Jorge Castrillón retractouse através da súa conta de Twitter após as críticas polas súas declaracións. Asegura que equiparar "galego" e "paleto" é común no 'rioplatensismo'.

O líder de Podemos en Uruguai, Jorge Castrillón, asegurou nunha entrevista concedida ao diario El País que o "racismo" do Estado español "é un certo racismo moi paleto, moi galego, institucional". Castrillón pronunciábase nestes termos a respeito das deportacións de cidadanía uruguaia que aínda existen . 

Pouco despois de se publicaren as súas declaracións comezaron as críticas que chegaron mesmo á embaixada española no Uruguai através do Centro Galego de Montevideo, unha das 12 entidades galegas do país. O seu presidente, Jorge Torres, asegurou en declaracións á La Voz de Galicia que fixo chegar o seu "anoxo" e "repulsa" ao embaixador, o ex-conselleiro de Cultura, Ricardo Varela. 

Perante as críticas Castrillón apurou a se desculpar através dun post difundido na súa conta de Twitter e atribuíu a súa expresión a unha acepción propia do "rioplatensismo", un feito que contribuíu a aumentar o enfado do responsábel do Centro galego. "Aquí non se coñece esa equiparación que fai el entre galego e paleto. Tiven que tentar explicar aos uruguaios a podía estarse a referir ese señor". 

"Pode que a emigración de 1900 for de xente sen estudos, do campo, mais se algo deixou no Uruguai o legado dos galegos é a súa seriedade, o seu esforzo, o seu traballo e a súa honestidade", apuntou Jorge Torres. E é que no Uruguai atópanse 65 mil galeg@s. 

Comentarios