Eleccións EUA

Libertarios, verdes e independentes suman case 6 millóns de votos

As formacións à marxe do partido republicano e demócrata atinxiron o 4,8% dos sufraxios emitidos, unha porcentaxe que triplica a de anteriores citas electorais.

partido verde jill stein
photo_camera partido verde jill stein

O Partido Republicano e o Partido Demócrata repartíronse, como desde o inicio da democracia estadounidense, gran parte do pastel nas eleccións deste 8 de novembro. Mais non todo, un pequeno anaco foi para as outras formacións que tamén concorreron nesta cita. Entre as tres 'minoritarias' (Partido Libertario, Partido Verde e independente) sumaron o 4,8% dos votos, a porcentaxe máis alta desde hai anos. Por comparar, nos comicios de 2012 lograron o 1,6% e nos de 2008 o 1,4%.

O Partido Libertario obtivo máis de catro millóns de votos, o 3,24%. Fundado en 1971, é unha forza partidaria dun libre mercado total e de defender os dereitos individuais, reducindo a presenza do estado e administración ao mínimo. Presentou como candidato Gary Johnson, empresario e que de 1995 a 2003 foi gobernador de Novo México polo Partido Republicano. A súa saca de sufraxios nutriuse nesta ocasión en boa medida de republicanos descontentos con Donald Trump, que lle deron o mellor resultado da súa historia

O Partido Verde logrou 1.206.015 votos nas eleccións do pasado 8 de novembro, o 0,96%. Hai catro anos obtivera o 0,36%. Cun discurso de esquerdas, centrado na defensa ambiental e da sanidade e educación como dereitos, foi a opción escollida por algúns dos demócratas que nas primarias do partido do burro apoiaron Bernie Sanders e que non acababan de se identificar con Hillary Clinton. Recibiu o apoio de figuras coñecidas, como os actores Viggo Mortensen e Susan Sarandon. A súa candidata, Jill Stein, médico e activista, ten unha longa traxectoria de compromiso en diversas causas.

O terceiro en liza entre esta terna de 'minoritarios' foi o independente Evan McMullin, de Utah, mormón e ex-empregado da CIA que logrou 448.339 votos, o 0,36% dos sufraxios. Nunca foi elixido para ningún cargo público mais quixo aproveitar o rexeitamento a Trump entre os mormóns, relixión con peso no seu estado, Utah.

Comentarios