A Mesa da Cámara reúnese na cuarta feira

Os letrados queren investigar o emérito, o PSOE non

Os letrados do Congreso dos Deputados avalan a comisión para investigar o rei emérito e as tarxetas opacas, mentres os socialistas anuncian que, de novo, se oporán á indagación durante a xuntanza da Mesa desta cuarta feira.
borbon
photo_camera Juan Carlos de Borbón usou as tarxetas opacas logo de abdicar. (Foto: Nós Diario)

Os letrados do Congreso dos Deputados avalan unha comisión de investigación sobre o rei emérito español. Segundo as fontes parlamentarias, os servizos xurídicos recomendaron admitir a trámite a comisión sobre as tarxetas opacas de Juan Carlos de Borbón.

A nova comisión vai ser analizada na cuarta feira pola Mesa do Congreso, mais o Partido Socialista (PSOE) xa anunciou que tombará a iniciativa, a pesar do aval do servizo xurídico da cámara baixa.

Fontes socialistas confirman a oposición a esta tramitación durante a Mesa do Congreso da cuarta feira porque “a cámara ten unhas funcións limitadas entre as que non se atopa a de controlar o xefe do Estado español”, e apelan a que así o asegura reiteradamente o Tribunal Constitucional (TS).

Do mesmo modo, desde o PSOE lémbrase que a cuestión das tarxetas opacas xa está “xudicializada”, en referencia a investigación da Fiscalía ao rei emérito e á declaración deste diante da Axencia Tributaria para pagar “sen requerimento previo” unha parte do diñeiro defraudado e admitindo, implicitamente, a fraude.

Até o de agora, o corpo letrado opúñase ás peticións de comisión de investigación á monarquía alegando a inviolabilidade de Juan Carlos de Borbón mentres foi rei de España. O cambio está vencellado, polo de agora, ás tarxetas opacas da familia real e que o emérito empregou logo da súa abdicación.

O  Partido Socialista xa se cinguía á oposición dos letrados para impedir as iniciativas da Mesa para investigar o rei emérito, nunha acción na que coincidían con Populares (PP) e Vox.

A primeira reacción a esta decisión chegou desde Unidas Podemos, ao chiar Pablo Iglesias na súa conta de Twitter “xa non hai escusas: ou se está coa verdade ou se está coa impunidade", mentres aseguran que "todos os partidos do arco parlamentario deberían apoiala por hixiene democrática".

A petición para crear unha comisión de investigación rexistrárona no mes de decembro o Unidas Podemos, BNG (Bloque Nacionalista Galego), ERC, CUP, EH Bildu, Más País e Compromís.

Na xuntanza da cuarta feira da Mesa e posíbel, pois que se tramite a dita comisión, máis, como outras iniciativas, tamén podería quedar paralizada na Xunta de Portavoces, que é o órgano encargado de fixar a orde do día das sesións plenarias.

Comentarios