A lei de Memoria Democrática dá os seus primeiros pasos

O Consello de Ministras e Ministros aprobou o anteproxecto de lei de Memoria Democrática, que contempla a creación dunha Fiscalía para a investigación dos crimes do franquismo en base ao dereito e os tratados internacionais. O Val dos Caídos pasará a ser un cemiterio civil
Val dos Caidos
photo_camera A familia Franco na exhumación do ditador do Val dos Caídos o pasado 24 de outubro de 2019.

Ao pouco de que se fagan 45 anos  da morte de Francisco Franco, o Goberno español dá os primeiros pasos no camiño da nova lei de Memoria Democrática. Con ela, o Executivo quere "resignificar o Val dos Caídos" para convertelo nun cemiterio civil protexido por Patrimonio Nacional, no que as "30.000 vítimas dos dous bandos teñan paz e respecto", segundo dixo esta terza feira, 15 de setembro, a vicepresidenta primeira Carmen Calvo.

A socialista tamén anunciou que a fundación dos beneditinos, presente no Val, "extinguirase automaticamente" porque "xa non terá ningún sentido en relación ao novo obxectivo do Val en termos de memoria democrática" e é "incompatíbel" coa resignificación dese lugar.

Así se expresou Calvo ao presentar o anteproxecto de lei de Memoria Democrática que esta terza feira aprobou o Consello de Ministras e Ministros. Con todo, a vicepresidenta matizou que esa "resignificación" está aínda por estudar.

Agregou Calvo que tanto as fundacións públicas como as privadas que teñan unha repercusión pública "non poderán enaltecer as ditaduras nin os totalitarismos nin as figuras correspondentes (...) Todo o que teña repercusión pública non pode estar neses fins que están expresamente prohibidos por esta lei", subliñou, á vez que indicou que a norma tamén retirará as condecoracións que impliquen recoñecemento "de quen no ámbito da función pública, civil ou militar, está ou estivo inmerso en violacións directas de dereitos humanos, ben no período da ditadura ou posteriormente". 

A nova lei, ademais, quere declarar ilexítimos os tribunais formados na guerra que perseguiron antifranquistas e anular as condenas e sancións resoltas por eses organismos, declarando "nulos de pleno dereito" eses xuízos. 

Tamén a lei quere atinxir o educativo, levando a Memoria Democrática ao Bacharelato e desenvolvendo formación ao profesorado.

A norma incluirá, a diferenza da lei de 2007, un réxime sancionador con multas de até 150.000 euros, e recollerá dúas datas de conmemoración: 31 de outubro, día de recordo "a todas as vítimas", coincidindo coa data de aprobación do proxecto de Constitución española no Congreso; e o 8 de maio, para homenaxe ás vítimas do exilio, cadrando coa vitoria sobre os nazis. A lei tamén permitirá o acceso á nacionalidade española das e dos descendentes de brigadistas internacionais. 

A Fundación Franco  

O presidente da Fundación Francisco Franco anunciou que, de finalmente seren ilegalizados, a entidade que preside inscribirase noutro Estado para así continuar coa súa actividade de enaltecemento do ditador. "Se é preciso, iremos a un país libre", dixo.

A Administración pública farase cargo das exhumacións

O Goberno prevé que o plan cuadrienal de exhumacións que vai impulsar e financiar, como parte da nova lei de Memoria Democrática, sirva para atopar entre 20.000 e 25.000 vítimas da guerra civil e da ditadura que foron enterradas en fosas comúns.

Segundo aseverou a vicepresidenta Carmen Calvo esta materia será unha responsabilidade pública e afirmou que "o Estado, con outras Administracións, farase cargo das exhumacións non só en termos económicos senón tamén de seguridade nas identificacións".

Por iso, o obxectivo é estabelecer a elaboración de plans cuadrienais de procura, localización e exhumación de fosas e identificación das vítimas, así como a creación dun censo e mais dun banco de ADN de vítimas, para a súa identificación mediante a recepción das súas mostras biolóxicas.

Comentarios