Lasso permite a policías e militares ecuatorianos usar a "lexítima forza" e munición real para "combater a violencia"

"Rematou o absurdo de que o policía teña que agardar a que o delincuente dispare para actuar", gábase o presidente de Ecuador.
Policías ecuatorianos ante un gran grupo de persoas nunha protesta contra o Goberno Lasso, o pasado ano. (Foto: Juan Diego Montenegro / Europa Press / Contacto)
photo_camera Policías ecuatorianos ante un gran grupo de persoas nunha protesta contra o Goberno Lasso, o pasado ano. (Foto: Juan Diego Montenegro / Europa Press / Contacto)

Dúas semanas despois de invocar a 'morte cruzada' —disolución das Cortes, baixo control da oposición, e convocatoria de eleccións presidenciais e lexislativas—, Guillermo Lasso asinou na tarde desta quinta feira un decreto que regula o "uso lexítimo" da forza por parte da Policía e o Exército. O presidente de Ecuador xustifica esta controvertida decisión no marco da espiral de violencia que vive o país nos últimos meses.

O texto, entre outras cuestións, ampara o uso de munición real por parte de axentes e militares, que a partir de agora poderán disparar a unha persoa sospeitosa sen que abrise fogo previamente contra as autoridades. "Rematou o absurdo de que o policía teña que agardar a que o delincuente dispare para actuar", gabouse Lasso nas súas redes sociais.

A posición do Goberno é clara, se ben a medida suscitou as críticas de moitos sectores da sociedade civil ante as posíbeis consecuencias deste permiso. "Quen deben estar preocupados por este regulamento son quen cometen delitos e queren vivir fóra da lei", dixo o secretario de Seguridade Pública, Wagner Bravo, e tamén afirmou que a "lexítima" forza "só se empregará contra 1% da poboación".

"Este documento define con claridade o que significa a materialización do acto ilícito, a ameaza ou o perigo inminente que poden pór en risco a vida dos cidadáns e dos membros da forza pública", engadiu o presidente ecuatoriano.

Ante o auxe da inseguridade nas rúas do país, vinculado ao auxe do narcotráfico, Guillermo Lasso autorizou o pasado mes de abril a "tenza e porte de armas de uso civil para defensa persoal". Segundo datos achegados polo portal especializado Insight Crime, en 2022 Ecuador rexistrou unha taxa de homicidios de 25,9 por cada 100.000 habitantes, das máis altas do continente.

De feito, esta mesma quinta feira foi asasinado a tiros o fiscal Leonardo Palacios, na cidade de Durán, en Guayas, unha das rexións máis afectadas pola violencia. Tanto o fiscal Palacios como o seu secretario foron atacados con arma de fogo cando circulaban no seu vehículo perto da súa oficina.

Comentarios